galego
mapa web contacta co concello páxina principal
Principal que ver
Concello
turismo activo
Situación
rutas de sendeirismo
Cultura e turismo
patrimonio
enoturismo
Deportes
Miradoiros
Educación
produtos locais
Economía
feira do viño
Urbanismo
festas
onde comer
Servizos Sociais
onde durmir
Enlaces
área de autocaravanas
transportes
Direccións e teléfonos de interese
folletos e mapas
Suxestións
 
 
 
 
 
 
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografias
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
buzón de suxerencias
 
Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas
 .: Turismo : Que Facer : Patrimonio
    PATRIMONIO
ROMÁNICO DA RIBEIRA
SANTA MARÍA DE PESQUEIRAS
Santa María de PesqueirasPortada lateral románica

Situada na parroquia do mesmo nome atópase nunha fermosa paraxe de soutos centenarios, moi preto do encoro de Belesar.

En canto ao antigo mosteiro non se teñen novas da súa fundación aínda que si se sabe que estamos diante dos restos do que algún día foi un importante mosteiro de monxas beneditinas, pénsase que pechado no século XVI. No ano 1515 anexiónase a San Paio de Antealtares. A citada anexión produciu que este templo fose perdendo con progresividade o peso e a importancia que chegou a ter. A todo isto uniuse en datas recentes a creación dunha nova igrexa para a parroquia e que na actualidade alberga o culto dos fregueses de Pesqueiras.

A igrexa atópase divida exteriormente en dous tramos por sólidos contrafortes. A teitume é de madeira. O frontis, con porta circular de doelas e ollo na parte superior, semella ser reedificado en data bastante posterior. A ábsida presenta un arco triunfal con peche nos salmares, columnas nunha orde, capiteis de fitaria e imposta sinxela que discorre polo testeiro. Tamén presenta unha fiestra de medio punto con columnas apoiadas por riba do arco de acceso.

Virxe románica
De gran valor artístico son as pinturas murais do interior entre as que podemos atopar diversas escenas bíblicas: pasaxes referentes á Resurrección dos mortos, a Anunciación da Virxe, a imaxe de María co Neno (século XV) ou a Resurrección de Cristo. Algunha escultura que con anterioridade estaba neste templo non se atopa na actualidade no mesmo por non celebrarse culto nel. Exemplo disto son as tallas da Nosa Señora do Carme e a Nosa Señora do Rosario.

Pero a verdadeira xoia escultórica do templo estaba na talla de Santa María de Pesqueiras; totalmente románica, hierática e sedente, perdida nun fatal incendio que asolou a igrexa e que posuía un elevadísimo valor artístico.

GPS
42.6230681º N
-7.729056º W


SAN SALVADOR DE ASMA
San Salvador de AsmaAbside da Igrexa

Este mosteiro dúplice gozou de grande importancia e notoriedade no devir histórico de Chantada. Dende a súa fundación ata o seu declive, que deu comezo aló por finais do século XV, este cenobio exerceu o seu señorío na maior parte dos territorios da comarca chantadina. A súa fundación atribúese ao afamado conde Ero Ordóñez e a súa dona Adosinda, aló por finais do século IX ou X, aínda que algunha investigación conclúe que San Salvador de Asma xa existía con anterioridade ao mencionado conde, ademáis de ser atopados vestixios prerrománicos na actual igrexa.

Hoxe en día da freguesía de San Salvador de Asma, coñecida coma O Convento, só poderemos visitar a igrexa pois o que queda do convento pertence a mans privadas. A primeira edificación da igrexa data de finais do século XII aínda que na mesma se realizaron lixeiras reformas no século XVI; a segunda, priorado que foi do antigo mosteiro, data dos séculos IX ou X. O edificio consta dunha soa nave con cuberta de madeira, sufrindo diversas modificacións na disposición dos sillares e no labrado dos canzorros.

A cuberta da ábsida presenta xeito de artesoado radial cun gran escudo na parte central símbolo da Real Orde de Valladolid de onde debeu de vir. Posúe un gran retablo de fins do século XVI que se cre obra da escola de Berruguete. Tamén se poden apreciar outros retablos sitos en ámbolos muros da nave con esculturas de San Bieito Abade, o Neno Xesús, a Virxe do Rosario (século XVII), San Blas (s. XVI), etc. E unha caixoneira enclavada na sancristía que provén do século XVIII.

GPS
42.601425º N
-7.763092º W



SANTA MARÍA DE CAMPORRAMIRO
Santa María de CamporramiroPorta Lateral

No seu enclave existiu o primitivo asentamento do Castro de Cabreiros, no ano 1208 Alfonso IX doa ó Mosteiro de Chantada a herdade de Santa María de Camporramiro mediante un diploma outorgado en Santiago de Compostela. Tamén se coñece que no ano 1341 o Bispo de Lugo (don Rodrigo) xunto co Deán e Cabildo da súa igrexa, concedían ó abade de San Salvador de Asma dezmos e rendas.

A igrexa parece erguida na primeira metade do século XII exceptuando a sancristía que data do século XVIII e o campanario; este último moi posterior e bastante recente. A nave posúe teitume de madeira a dúas augas oculta por unha falsa bóveda e a ábsida presenta bóveda de canón cun arco triunfal de breve peralte. No seu exterior aprécianse diversos canzorros historiados e xeométricos, facendo alusión algún dos mesmos a temas cotiáns en ton metafórico: a fame, a sede, a fartura, etc. Destaca no interior un incensario de metal do século XVI ademáis dun Cristo situado no retablo do século XVIII.

GPS
42.591964º N
-7.749389º W



SANTA MARÍA DE NOGUEIRA
Santa María de NogueiraPorta lateral da igrexa

O pequeno lugar de A Eirexe, enclavado na parroquia de Nogueira, acolle unha curiosa e interesante igrexa que agocha no seu seo pequenos tesouros artísticos. Erguida na segunda metade do século XII, pertenceu a antiga xurisdición de Chantada e o beneficio eclesiástico presentáballo en tres turnos ó priorado de San Salvador de Asma, ó marquesado de Bendaña e ó vínculo da Casa de Penachá.

Reformouse a fachada principal (na actualidade con características barrocas pero conservando o rosetón do románico tardío) no primeiro terzo do século XVIII e neste preciso momento tamén se construíu a torre que alberga ás campás. Esta obra románica posúe unha soa nave con cuberta de madeira a dúas augas. Destaca na mesma a porta do alzado sur enmarcada por un arco de medio punto rico na súa profusión ornamental e con columnas apoiadas nunha soa orde que posúen capiteis de fitaría. No muro sur pódense ollar signos lapidarios de sete tipos diversos; son bastante curiosas as lápidas incrustadas nas paredes da igrexa. A ábsida cuadrangular con bóveda de canón aparece precedida dun arco triunfal de medio punto con columnas apoiadas nun só estilo e capiteis variados. O interior desta igrexa parroquial alberga diversas pinturas murais nos paramentos interiores da nave que fan alusión a diversos temas como son o Xuízo Final ou a Resurrección de Xesús. Máis ó interior, na ábsida, atópanse outras pinturas murais que amosan escenas referentes á Oración no Horto de Getsemaní e o Apresamento de Xesús. Estímase que estas representacións foron feitas a fins do século XV ou a comezos do seguinte.

San Xoán Bautista
En Santa María de Nogueira tamén podemos ver algúns retablos de gran interese que albergan diversas esculturas entre as que se poden salientar as de Nosa Señora do Rosario e San Xoán Bautista pertencentes ó século XVII. A sancristía acolle dentro de si numerosos obxectos referentes á liturxia dos que destaca unha cruz de prata con alma de madeira que data de finais do século XVI ou comezos do XVII.

GPS
42.556256º N
-7.714092º W



CASCO HISTÓRICO
CASONA DE LEMOS
Casona de LemosFacahada principal da Casona de Lemos

Estamos diante da casa máis antiga de Chantada. Típica edificación do século XVI (está datada no ano 1551) conserva algunha parte do século XV. Orixinariamente era unha corte de cabalos á que se lle foron engadindo con posterioridade diversas estancias. Esta casa foi motivo de diversos preitos chegando a intervir a Marquesa de Astorga cunha carta-orde.

Foi doada por D. Faustino Fernández Vázquez (Vilaseco) e a súa dona Mª Emilia Gómez Rodríguez, para Casa da Cultura.

En dúas das súas frontes leva soportais con cuberta de madeira e columnas de diversas formas e épocas. Ten unha gran cheminea saínte. No muro occidental conserva unha pedra de armas partida que se cre anterior ó ano 1668; correspondería a don Pedro de Moure Ulloa, párroco da igrexa de Chantada.

O interior atópase totalmente restaurado e presenta un espazo funcional, obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, que realizou esta obra no ano 1990. Na actualidade está dedicada a Casa da Cultura do Concello de Chantada. No seu interior sitúanse a OMIC (Oficina de Información ao Consumidor), a Oficina de Información Xuvenil e a Oficina de Información Turística. Tamén alberga a Biblioteca Municipal.

GPS

42.607833º N
-7.770021º W


RÚAS DO CASCO HISTÓRICO
Rúa Dous de MaioRúa Dous de Maio

A comezos do século XX o centro neurálxico de Chantada concentrábase no casco histórico. Estaba conformado por distintos espazos físicos que, na súa grande maioría, sobreviviron ós avatares do tempo. A Praza do Mercado onde se atopa a Casona de Lemos, foi nun tempo o mercado da vila pois a maior parte dos alimentos que mercaba a xente para consumir atopábanse neste lugar. Este aspecto aínda subsiste dalgún xeito a día de hoxe xa que os días de feira a Praza acolle gran número de postos que ofertan na súa gran maioría, variados produtos hortofructícolas.

Moi preto desta praza sitúase a rúa Principal, na actualidade denominada Dous de Maio, que é unha magnífica mostra do pasado señorial de Chantada. Outro dos espazos emblemáticos de Chantada é a Praza do Cantón do que se pensa que un día foi sede da Fortaleza de Chantada. Era por estas datas o lugar máis emblemático da vila e centro das celebracións das romaxes da Virxe do Carme e de San Antón. En certo modo, esta praza aínda conserva ese halo especial que é unha mestura de historia, cultura e festa.

GPS
42.607376º N
-7.769660º W


web desenrolada por novodesenho créditos