O Caniño de inverno foi unha ruta comercial, percorrida tamén polos peregrinos xacobeos
O Camiño de Inverno Segundo os historiadores o “camiño de inverno” foi unha ruta empregada principalmente como vía comercial e percorrida tamén polos peregrinos xacobeos na procura de rutas alternativas para evitar obstáculos como a neve nas zonas montañosas polas que atravesaba a ruta, como é O Cebreiro.
Esta ruta Xacobea en Galicia comeza en Valdeorras, segue por Quiroga e cruza os concellos de Ribas de Sil, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón o Saviñao e Chantada, logo enlaza co concello pontevedrés de Rodeiro, despois Lalín, así ata un total de once municipios antes de chegar a Santiago.
Para dar a coñecer este traxecto xacobeo, os representantes de asociacións relacionadas con esta ruta como a Asociación "Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra" así como os concellos polos que atravesa xuntan esforzos con diversos proxectos e accións para conseguir que este camiño sexa recoñecido como variante xacobea perante a Xunta de Galicia.
O tramo final do Camiño de Inverno circunscrito á provincia de Lugo, discorre integramente polo concello de Chantada por espazo de algo máis de 16 km.
Superada a ponte de Belesar, unha forte pendente polos "Codos", con pavimento empedrado e altos muros de granito, permítenos ir deixando atrás os lugares de Ponte Ermida, Follatal, Queixeiros e Alemparte.
A tan só a catro km. do comezo chegaremos á localidade de Chantada, o camiño discorre polas rúas porticadas chantadinas, e inicia unha leve pendente ate Centulle e Asma. Atravesa a planicie da Lucenza, e intérnase en Vilaseco por pista de terra de servizo ás fincas que nos conduce a Penasillás, despois de repoñer forzas antes da pronunciada ascensión ao Monte Faro coa súa Ermida da Nosa Señora será o colofón ao noso deambular polo Camiño Sur da Provincia de Lugo, deixando á vista as terras de Rodeiro e Lalín antes de chegar a Santiago.