mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

4. O nome de Chantada
 
Puido ser, pero con moitísimas reservas como xa se explicou con anterioridade, que o nome primitivo da vila foi o de Faro Brigancio , en honra a este pobo que en tempos pretéritos se puido asentar na comarca chantadina. Pero entón , como é que na actualidade se chama Chantada? Diversos estudios apuntan que o topónimo ten moito que ver cun suceso histórico: as invasións normandas dos séculos IX e X. Algúns autores apuntan que o nome provén da nova orixe da vila tras ser arrasada por este pobo nórdico. Os inimigos destruírona ó tempo que asolaron toda a comarca, e os naturais restaurárona e edificaron novamente; de aquí o nome da vila ou poboación Plantata (termo latino do que provén Chantada), equivalente a plantada, levantada ou reedificada. Modificacións fonéticas transformaron o Pl inicial no Ch actual e o T da sílaba postónica en D, modificación xeneralizada na castelanización dos pasivos latinos. Outros autores van máis aló e aseveran que o nome de Plantata está máis relacionado coa defensa establecida en contra dos invasores normandos, que coa reconstrución da poboación.
ampliar
AlfonsoIX
Esta defensa tivo por base unha fortificación feita con estacas plantadas, chantadas a xeito de forte estacada ó redor da poboación, para impedir a aproximación dos inimigos ós lugares defensivos, onde estaban parapetados. Neste punto cómpre salientar que o topónimo co que os antigos se referían á vila do Asma sempre foi o de Plantata salvo nunha ocasión. Citemos un diploma ditado polo monarca Alfonso IX o 23 de Marzo do ano 1188 no que amparando e acotando a veiga de “Portulide” manifesta: “...Veiga de Portulide, que est de Iantada...”. Estamos diante dun documento de gran importancia xa que é unha excepción no referente á denominación da nosa vila, Iantada . De tódolos xeitos, a primitiva denominación de Chantada aparece vinculada ás incursións normandas e agarenas por terras de Galicia ó longo dos séculos IX e X.

Os Normandos
Navío normando
5. É tempo de Invasores
 
Coñecidas e amplamente mencionadas son as incursións dos normandos ou “homes do Norte” por terras galegas nos escuros anos da Baixa Idade Media. Non se coñecen con exactitude os motivos que impulsaron a este pobo a invadir o noso país, ó que eles chamaban Jakolsland (terra de Jacob), aínda que estes puideron ser diversos: agravamento das condicións climáticas, excesos demográficos, etc. Foi nos anos 844 e 846, reinando Ramiro I, cando as hordas chegaron por primeira vez a terras galegas. Tentan desembarcar no porto de Xixón (Jeijo ou Gegiones) pero fracasaron no seu intento. De contado puxeron rumbo cara outros portos asturianos dirixíndose en posteriores datas cara a costa galega cuxo litoral percorren en gran medida. Será na cidade da Coruña onde desembarquen definitivamente. Sobre este feito danos diversa información o estudoso Vedra: “... obligó en muchos puntos a los habitantes a abandonar las poblaciones marítimas y una de ellas fue A Coruña, cuyo vecindario se trasladó al Burgo (...). Esta mudanza debió verificarse a principios del s. X, y la población no ocupó su nuevo asiento hasta fines del s. XII”. Unha vez na Coruña, os normandos non tardaron moito tempo en estenderse polo país alcanzando nun curto período terras chantadinas. Esnaquizaron e asolaron todo o que atopaban ó seu paso, sen que os poderosos Condes que daquela dominaban Galicia lles puidesen ofrecer resistencia. Refuxiáronse nas súas Torres e vellas fortalezas, pero deseguida foron destruídas. As crónicas locais coméntannos que diante do perigo invasor os señores e cabaleiros de Chantada e a súa comarca trataron de fortificarse no Castro Candaz [ver +] , antigo refuxio guerreiro, onde as forzas dispersas dos habitantes destas terras se uniron ós reforzos mandados polo rei Ramiro I. Fagamos neste punto unha breve paréntese para intentar afondar na figura deste monarca asturiano cuxa existencia está tan ligada á historia de Chantada. Ramiro era fillo de don Bermudo sendo tamén curmán de Alfonso II “o Casto” quen en tempos do seu reinado o nomeou gobernador de Galicia. Morto Alfonso, Ramiro pasará a converterse no novo monarca do reino cristián de Asturias aínda que tal feito se produciu de xeito turbulento. O alcumado “el Casto” morre sen descendencia feito que provocou unha fonda crise no reino. Parece ser que un grupo nobiliario moi achegado ó falecido rei xa lle tiña preparado un sucesor, don Ramiro; pero a ausencia do mesmo de terras da futura Castela provocou que o conde Nepociano, apoiado polos nobres norteños do reino, se fixese co trono. Unha vez decatado das intrigas palaciano Ramiro, co apoio da nobreza galega, reúne un gran exército que parte na busca de Nepociano, que resultará vencido no Narcea polos condes galegos Scipión e Sonna. Tempo despois, o protagonista da nosa historia tamén terá que facer fronte a outra conxura cuxos protagonistas foron Piniolo (prócer) e Aldoito (Comes palatii). Unha vez sufocada será duramente castigada. O monarca astur, segundo a Crónica de Albelda, morre na localidade de Lillo sendo enterrado na Catedral de Oviedo. Sucedeuno no trono o seu fillo Ordoño I.
  voltar ó índice
Ramiro I
Ramiro I
    Segundo se di, Ramiro I tiña moito cariño por esta terra e non dubidou en socorrer ós habitantes da comarca de Chantada diante da invasión normanda. Dirixiu as súas tropas cara o castro fortificado e organizou dende o mesmo, coa axuda dos chantadinos, os ataques ós invasores. Decidiu ascender ata a vía do Asma para facer fronte ós normandos e alí os atopou; estes víronse acurralados e decidiron emprender a fuxida cara o río Miño. Pero o escape resultou infrutuoso, se non querían meterse no escarpado terreo da ribeira tiñan que facer fronte ós chantadinos e as tropas reais; e así o fixeron. Os contendentes víronse as facianas en terras da hoxe freguesía de Santa María de Camporramiro, unindo a orixe do nome desta parroquia ó feito histórico da contenda. A mesma foi sanguenta e dela saíron derrotados os normandos, ós que naquela ocasión lles foron queimadas unhas setenta naves, sendo moi poucos os que conseguiron volver ó seu país. Para conmemorar a xesta, dísenos que nas proximidades do lugar da batalla se ergueu unha pequena igrexa dedicada a Santa María, patroa e titular da freguesía que alí se formou e a que lle deron o nome de Camporramiro. Trala contenda o monarca, en agradecemento polos servizos prestados, concedeu honores e privilexios a diversas xentes nobres de Chantada. Tal foi o caso dos Erices ou Eirices, que deben o seu escudo de armas a tales beneficios.
Alfonso X
Alfonso X  "o Sabio"
Posteriormente, e xa en tempos de Alfonso III, o recompensado polo mesmo feito foi un tal Arias Fernández de Temes, personaxe pertencente ó liñaxe dos Temes de Chantada. Por outra banda, e volvendo con Camporramiro, cómpre dicir que o nome da parroquia é antigo. Xa se atopa recollido no testamento da Condesa dona Adosinda, ano 1033, fundadora do mosteiro de San Salvador de Asma. Despois figura en distintos privilexios reais concedidos ó mencionado cenobio. Entre eles atópanse os do rei Alfonso IX (anos 1202 e 1224), o do monarca Fernando III (1231) e o do rei Alfonso X que data de 1259. A vila de Santa María de Camporramiro e a de Nogueira foron acotadas e pasaron a pertencer á xurisdición do mosteiro de San Salvador de Asma nos primeiros anos do século XIII. Para rematar con este relato referente a Camporramiro cómpre facer unha pequena aclaración: tanto a batalla indicada con anterioridade como a fundación da igrexa, resultado da mesma, están sumidas na incerteza histórica parecendo prudente o deixar en probable o relatado en liñas anteriores.
  voltar ó índice
ampliar
Porta lateral da igrexa de
Sta Mª de Camporramiro
    Á primeira invasión normanda seguiulle outra, a segunda, cuxo marco cronolóxico se cinguiu ó ano 856 ou o 860. As hordas desembarcan na ría de Arousa nun número bastante elevado, dise que máis de cen naves arribaron en Galicia ás ordes, segundo Manuel Murguía, de Hastings e Bjoern Jernside. Pero esta segunda incursión tivo un carácter puramente costeiro non alcanzando terras interiores e, polo tanto, chantadinas.Chantada foi a terceira das invasións normandas. Cara o ano 966, chegou a horda invasora á ría de Foz. Máis ó Sur, na costa bracarense, desembarcan máis normandos ás ordes de Viking Gunderedo; estímase que arribaron neste punto un total de cen naves. Sen apenas oposición esténdense polo resto do país, créndose que chegaron a alcanzar os cumes do Cebreiro, permanecendo no mesmo dende a primavera do 968 ata a do 969. O seu radio de acción foi moi amplo e Chantada non se librou do seu azoute pois a vila sita ás beiras do río Asma foi queimada e saqueada. Segundo relata Manuel Vázquez Seijas é posíbel que nesta terceira invasión fosen destruídas unhas murallas que rodeaban a vila, que proviñan de tempos pretéritos aló cando gobernaban os reis godos, aínda que das mesmas non existe constancia histórica. Sábese que ó encontro dos normandos e, nestes tempos, saíu un exército ás ordes do bispo de Santiago de Compostela Sisnando (en Fornelos no ano 969) que foi derrotado. O citado Gunderedo será vencido e morto no ano 971 por un exército creado polo afamado San Rosendo, de ascendencia chantadina, baixo o mando de Gonzalo Sánchez.
Almanzor
Almanzor
S.Pedro de Mezonzo
S. Pedro de Mezonzo
    Tampouco a nosa localidade se librou das incursións árabes . Foi Almanzor, señor que foi de “Al-Andalus”, o que levou a cabo no verán do ano 997 unha gran campaña militar contra os reinos cristiáns. Reunido en Viseu cos condes galegos cos que pactara, recibiu en Porto ó groso da infantería que se trasladou ata o lugar por vía marítima. Unha vez congrega ó seu exército, cruza co mesmo os ríos Douro e Miño saqueando e destruíndo fortalezas e mosteiros. Tamén atravesará o río Ulla para con posterioridade dirixirse ata Iria Flavia que será saqueada por completo. O seu camiño remata en Santiago de Compostela que momentos antes fora evacuada por orde do bispo Pedro de Mezonzo. Aínda que manda respectar o sepulcro do Apóstolo decide arrasar a basílica e a cidade. Pero as actividades deste caudillo árabe tamén se deixaron notar na nosa comarca. Os habitantes da mesma, refuxiados nos castros de Candaz e Nogueira, viron como foron derrubadas as torres defensivas de Chantada e dos lugares limítrofes, ó tempo que eran arrasadas vivendas e colleitas. Aínda hoxe se quere remontar ós días de Almanzor a orixe de moitas das fortalezas que houbo en terras de Chantada, dende as marxes do Miño ata o Sil e ata as chairas do val de Lemos.

  Artigos relacionados
 
     :. Alfonso XI (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Los Vikingos
       Ministerio de Asuntos Exteriores de Noruega (español)
     :. Ramiro I (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Alfonso X, El Sabio (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Almanzor (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. S. Pedro de Mezonzo (Biografía)
       
por Andrés Molina Prieto, Pbro. (español)


   
web desenrolada por novodesenho créditos