|
|
Fonto antiga da Ponte de Belesar |
|
2.2. A ponte e os codos de Belesar
Belesar é na actualidade unha tranquila e apracible aldea que se atopa divida en dúas metades polo transcorrer do río Miño. Este feito sitúa unha das partes no concello de Chantada e outra na do Saviñao, aspecto que goza de certa peculiaridade. Sobre o pai Miño e, neste lugar, coméntase que existiu unha vella ponte romana que co paso do tempo sufriu diversas modificacións. Tivo unha gran importancia histórica xa que se di que durante moitos anos e, dende Portomarín ata Ourense, tan só existía esta ponte sobre o río. Formaba parte da vía de comunicación máis importante que, en tempo pasado, existiu entre Chantada e Monforte e que, ata o primeiro cuarto do século XX, foi a máis utilizada. O viaduto estivo operativo case sempre aínda que se constatou que nunha ocasión estivo cortado ó abaterse a súa parte posterior.
|
|
Barca de paso utilizada para cruzar o río |
|
Deste caso, acontecido no ano 1780, temos algunha noticia como a que nos mostra José Lucas Labrada na súa “ Descripción económica del Reino de Galicia ”. Facéndose eco do exposto polo Consulado, Labrada argumenta que sería conveniente reconstruír a ponte de Belesar sobre o Miño; a mesma localizábase a unha legua do nacente de Chantada e caera a resultas dunha gran “avenida”. Argumenta que debido á falta desta vía de comunicación se produciu unha notable decadencia na vila de Chantada pois por alí transitaba moita xente que dende a provincia de Santiago se dirixía ata Monforte de Lemos, Castela e outros lugares. Para substituír a ponte creouse un servizo de
barcas que comunicaba ambas beiras do Miño. Tal función foi instaurada por Manuel de Villacé, Cayetano Santiago e por don José Varela Fariñas (cura de Freán). No ano 1809 a barca foi botada a pique coa esperanza de dificultar o paso das tropas napoleónicas; unha vez marcharon estas do país voltouse ó sistema de barcas para atravesa-lo Miño. Houbo que esperar ata 1830 para ver sobre o gran río de Galicia outra ponte que foi erguida sobre os vellos pilares da época medieval. Da mesma temos referencia nunha misiva datada o 9 de Outubro de 1852 na cal se lle remite ó alcalde da vila, don Tomás Díaz-Varela, a preocupación polo precario estado do viaduto reconstruído.
|
|
Aspecto actual da ponte de Belesar |
|
Este pódese corresponder co que se cita no semanario chantadino
El Regionalista (ano 1923), no que aparece recollida unha construción con tres grandes arcos. Sobre a ponte exerceuse dereito de arrendamento a favor dalgún señor da época como foi o caso de don Lope de Somoza, que nunha carta do ano 1710 aparece como cobrador por tal concepto á vila de
Monforte. Da construción actual, que segue uns parámetros construtivos totalmente contemporáneos, dicir que foi erguida pola eléctrica
FENOSA e tan só é unha sombra da ponte que algún día se ergueu ó seu carón e da que aínda se poden observar algúns restos en épocas de seca, cando as augas do pai Miño así o permiten.
|
|
Calzada romana dos Codos de Belesar |
|
No tocante ós “codos”, dos que na actualidade aínda se conserva algún tramo, dicir que o seu nome provén dunha sinxela referencia visual e construtiva. Falamos dunha vía romana que ó transcorrer polo accidentado terreo da Ribeira Sacra non o pode facer en liña recta, senón serpeando. Hai quen afirma que a calzada seguiu un antigo itinerario celta xa que no comezo e remate da mesma se erguían cadanseus castros. A súa lonxitude rolda os sete quilómetros no concello de Chantada; comeza a súa preto da vila do Asma, máis concretamente diante da igrexa de San Pedro de Líncora. Unha vez chega ó lugar de
A Touza continúa o seu traxecto discorrendo por
Rubiás,
Alemparte,
Queixeiros e
Ermida, ata chegar a
Belesar. Este percorrido correspóndese a día de hoxe cun tramo do
Camiño Sur a Santiago, vía peregrinatoria en pleno auxe na actualidade e que diversas instancias están a tentar promover. Con case total certeza pódese afirmar que os “codos” son un ramal da vía romana que unía Astorga con Braga: a
Vía Nova. Esta era a calzada número XVIII do itinerario Antonino e estaba considerada como unha das máis importantes da Galicia romana. A súa lonxitude aparece cifrada nos 310,8 quilómetros e foi construída entre os anos 79 e 96 d.C.
No seu percorrido atravesa gran parte da provincia de Ourense e poida que fora un dos vieiros polos que os romanos trouxesen novos cultivos tales como o viño e o oliveira. O xa salientado Lucas Labrada fíxose eco nunha das súas obras dunha copia realizada por un tal Huerta que describía esta vía do seguinte xeito: “Esta, fue obra del emperador Trajano, en la cual tuvo mucho que disputar la naturaleza con el arte, venciendo y domando las cumbres de los montes, levantando y subiendo las profundidades de los valles, que en larga distancia de cuarenta leguas se encuentran... y así también baja a los campos y valles de la Limia , cuyos pantanosos céspedes penetra con calzadas de piedra que aseguran el camino...”. Pero ¿qué é da vía romana que discorre parcialmente polo concello de Chantada?; na actualidade sábese que a partir da Vía Nova se construíron outras calzadas secundarias que, partindo da mesma, comunicaban diversos lugares. Parece ser, segundo algúns estudosos, que os “codos” teñen o seu comezo na
ponte da Cigarrosa (Petín) sendo o seu recorrido longo e sinuoso; no seu discorrer atravesa numerosas vilas e lugares tales como: Montefurado, Quiroga, Barxa de Lor, Monforte, Moreda, Pacios, Castillón, Montecelo, etc. Superados todos estes emprazamentos, a calzada chegaba ata Belesar onde atravesaba o río para posteriormente comezar unha dificultosa subida en dirección a vila do Asma. Outra teoría afirma que a vía puido comunicar o val de Lemos con Ponte Martinae (concello de Monterroso) mentres que outros estudos admiten a posibilidade de que a calzada unise
Lucus Augusti (Lugo) con Dactonium (Monforte de Lemos). Queira como fose a historia, o que queda de manifesto é a importancia deste vial aspecto referendado pola aparición dunha ara ós “Lares Viales” nesta histórica aldea de Belesar.
Fotografías antigas cedidas pola
Fundación Xosé Soto de Fión