2. Outros vestixios arqueolóxicos
Queda claro tralo exposto, que na historia de Chantada a cultura castrexa xogou un papel relevante. Pero non só de castros se nutre o patrimonio chantadino. Se excluímos o rico legado románico aínda ollamos en Chantada diversos vestixios históricos dignos de ser mencionados nesta obra; aproveitándome dos mesmos, faremos referencia a algunhas culturas non castrexas con ampla presenza no municipio. Exemplo disto témolo na cultura romana que ven indisolublemente ligada á figura do Cónsul romano Marco Claudio Marcelo. Desempeñou o seu cargo no ano 222 a .C., sendo Pretor con posterioridade á batalla de Cannas. Coméntase que unha vez convertido ó cristianismo adoptou como emblema unha cruz a xeito de T (símbolo do Tau), que logo pasaría ós afamados Temes. Estamos a falar da primeira das grandes personaxes que deu para a historia a nobre vila de Chantada. Natural deste lugar, segundo se cre, procedía dunha das familias de maior avoengo do patriarcado de Roma; á mesma outorgábaselle o nome honorífico de “majorum gentium”.
 |
Símbolo da Tau |
Este Cónsul foi protagonista dunha das moitas fazañas que caracterizaron ó pobo romano xa que foi o primeiro xeneral que conseguiu vencer ó afamado Aníbal, gran guerreiro cartaxinés que a piques estivo de derrotar ó emerxente Imperio Romano. Tal acontecemento tivo lugar preto de Nola, nunha data próxima o ano 200 a .C. A súa carreira militar non só se circunscribiu a tal feito xa que tamén sería protagonista do sitio romano á cidade de Siracusa, que asaltaría nun breve período de tempo. Segundo se cre, o poderoso Senado romano concedeulle o ditado de “Espada de Roma”.
 |
Anibal |
Tempo despois atopou a morte nunha emboscada.
Parece ser que os familiares deste Cónsul fundaron varios solares en España. Un deles estaba sito preto do río Cea.
Outro, o verdadeiramente interesante para nós, tiña por sede a vila de Chantada e nel erguíanse valorosos o castelo e pazo da localidade. Os moradores destas construcións converteríanse co tempo na familia dos Fernández de Temes, nobre liñaxe chantadina que pasaría a posteridade co alcume dos “Marcelos Galegos”
2.1. As sepulturas antropomorfas de Fornas
Certo é que ditos nichos non son castros nin nada que se lle pareza, pero non se pode negar que ó igual que estes, son vestixios da presenza de culturas pretéritas no Concello de Chantada. Ditas sepulturas atópanse na parroquia de San Cristovo de Fornas, a unha distancia da vila do Asma que rolda os dous quilómetros. Están situadas na parte superior dunha gran peneda a carón da estrada comarcal que une Chantada con Antas de Ulla. Unha vez alí ollamos un só oco no que descansan dous nichos que parece ser, dada a configuración dos mesmos, pertencían a un home e a unha muller aínda que existen fontes que afirman que tales tumbas acolleron os corpos de dous sacerdotes druídas. Os lugares sobre os que un día repousaron as cabezas son fixos, co sitio xusto para encaixa-la mesma. Ó redor das sepulturas pódese observar un borde, na actualidade moi desgastado, sobre o que parecía descansar a tapa que cubría ós finados. As medidas destes nichos son de case dous metros de longo e posúen unha anchura máxima dun metro alcanzando tan só na parte dos pés 0,60 metros.
Destas sepulturas temos constancia nalgún documento histórico. Un exemplo disto atopámolo na fundación da capela de Santa Xertrude, que foi feita no ano 1607 e que está sita no lugar que hoxe ocupa a igrexa parroquial de Fornas. En dita fundación documéntanse toda unha serie de fincas entre as que figura a dos Santos Sepulcros, podendo inferir que a mesma fai referencia ás sepulturas antropomorfas de Fornas.
|