mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

13. Algunhas personaxes ilustres
  Unha vez feito este percorrido pola historia de Chantada, toca referirse a diversos persoeiros cuxa actividade contribuíu, sen ningún xénero de dúbidas, a reforzar e engrandecer a gran e ampla historia da nosa vila e comarca. Algunhas delas xa foron comentadas en liñas anteriores xa que a actividade que desenrolaron aconsellaba introducilas no relato, pero existen outras cuxa importancia non é menor. De entre as citadas destacar ó Cónsul Marcelo, a don Lupo Cambero Candad, ó Conde Ero Ordóñez, a don Juan Alonso Varela Losada, etc. Das que se citarán en posteriores liñas dicir que algunhas delas non son naturais da nosa comarca pero non poden ser omitidas nesta obra xa que a súa tarefa estivo e, nalgúns casos, aínda está centrada na nosa terra.


ampliar
Trobador
Xohán de Requeixo
Estamos a falar dunha das personaxes máis senlleiras dentro da longa historia de Chantada. Sobre o seu lugar de nacemento existe bastante discrepancia aínda que se tende a crer, parece innegable a tenor do estudo da súa obra, que naceu no concello de Chantada na segunda metade do século XIII. Sobre o lugar exacto do acontecemento non se ten certeza absoluta aínda que o patronímico do poeta fai sospeitar, como acontece noutros casos, que a súa orixe está na parroquia de Santiago de Requeixo.A súa recoñecida fama veu propiciada pola labor a que dedicou a súa vida: a de trobador. Das súas composicións só conservamos un total de cinco nas que sempre aparece citado o topónimo Faro. As mesmas aparecen recollidas en dous cancioneiros: no “Il Canzoniere” da Biblioteca Vaticana publicado no ano 1875 e no “Il Canzoniere” de Colocci Brancuti que data de 1889. Na actualidade e, no cumio do monte Faro, podemos ollar parte da súa obra impresa en diversos monolitos erguidos na honra deste gran trobador. Vexamos a continuación diversos exemplos da mesma:

“a Far´un din irei
(eu, mia) madre, se vos prouguer,
meu amigo, que mi ben quer,
e direi-lh´eu ento
a coita do meu coraçon”

(fragmento da Cantiga nº 2, s. XIII)

——————

“pois vos, filha, queredes mui gram ben
voss´ amigo, mando-vo-l´ir veer
pero fazede por mi ua ren
que aja sempre que vos gradecer
non vos entendam per ren que seja,
que vos eu mand´ir u vos el veja”

(fragmento da Cantiga nº 3, s. XIII)

——————

“dender quer´eu mandado,
que m´enviou meu amigo,
que veurá en romaria
a far´e veer-s´a´ migo,
e por en tenh´eu que venhai
como quer que outren tenha,
non tem´eu d´el que non venha”

(fragmento da Cantiga nº 4, s. XIII)
  voltar ó índice
Miguel Rodríguez Guerra
Gran político da nosa comarca desenrolou a súa actividade pública no século XIX. Nado o 21 de Xullo do ano 1808 na chantadina parroquia de San Cristovo de Mouricios,
ampliar ampliar
Encomenda de
Isabel A Católica
Cruz de Carlos V
licénciase perante a Audiencia da Coruña en Dereito, mostrando un excelente currículo. De volta ó seu concello de orixe, consegue ser alcalde do mesmo en diversas ocasións amais de acadar o rango de Xefe da Milicia Nacional. A súa actividade política chegou a ser frenética: representou en numerosas ocasións nas Cortes ó seu distrito natal, foi presidente da Deputación de Lugo, encargouse do goberno interino unha vez se produciu o alzamento de Solís no ano 1846, foi nomeado Gobernador Civil de Lugo, acadou o rango de Senador do Reino, etc. Esta intensa labor foi recompensada ó concedérselle a Cruz de Carlos III ademais da Encomenda de Isabel a Católica. O seu pasamento produciuse o 23 de Xullo do ano 1889, sendo enterrado na súa freguesía natal.


ampliar
Manuel Formoso Lamas
Manuel Formoso Lamas
Chantadino de adopción, o seu lugar de nacemento hai que buscalo na parroquia de San Vicente de Burras sita no concello de Arzúa (1851). A pesares de conqueri-lo título de profesor de Escola Normal, sempre exerceu coma Mestre Nacional. Realizou os seus estudos no Seminario de Mondoñedo pasando no seu periplo como docente polas vilas de Pontedeume, Chantada e Almansa. Importancia capital para o noso municipio tivo a publicación da obra “Apuntes para la historia de Chantada” (Madrid, 1905), amplo tratado de carácter divulgativo no que Formoso Lamas realiza un importante estudo do pasado da vila do Asma. Para recoñecer o seu traballo, o pobo de Chantada decidiu adicarlle unha rúa da localidade que aínda na actualidade podemos percorrer. Os seus méritos como estudioso tamén foron recoñecidos no exterior; exemplo disto témolo no seu condecoramento como cabaleiro da Real Orde de Isabel la Católica. O seu pasamento prodúxose na vila de Almansa cando transcurría o ano 1915; contaba con 62 de idade.


ampliar
José Costa Figueiras
José Costa Figueiras
Posiblemente esteamos a falar do máis ilustre xornalista que deron as terras do Asma. Aínda que nado en Tuiríz (Ferreira de Pantón a catro de Abril de 1880) gran parte da súa actividade estivo claramente desenvolvida en Chantada e as súas terras. Realiza o bacharelato en Ourense e deseguida comeza a colaborar con multitude de publicacións: no “Heraldo” de Monforte de Lemos, no “Diario Universal Madrileño”, no “El Regional” (Lugo), en “El Fígaro” (Madrid), etc. Entre as súas labores principias cómpre destacar a fundación por parte do mesmo do semanario chantadino “Faro-Miño” no ano 1910, que deixa de publicarse unha vez que Costa Figueiras emigra cara a quinta provincia galega (Arxentina); aparte disto, tamén crea o xornal “El Regionalista”, publicación chantadina cuxa vida se cinguiu á data de 1923 e onde se criticou con virulencia o caciquismo reinante naquela época. Outras actividades, non menos relevantes, foron a de ser director do “Boletín Galego” aparte de ser fundador da asociación “Chantada y su partido” (1915). Tamén publicou numerosas obras tales como “La risa de Dios” (Bos Aires, 1913), “La sugestión de América” (Barcelona, 1919), “Las fraguas de la fortuna” (Barcelona, 1920), a afamada “Los agros de Sureda”, etc. En 1947 pasou á Sección de Estudos e Publicacións do Ministerio sita na capital do Estado sendo xubilado deste cargo no ano 1950. Será entón cando decida volver a Chantada onde morre o cinco de Xuño de 1955.
  voltar ó índice
ampliar
Avelino Gómez Ledo
Avelino Gómez Ledo
Prestixioso escritor galego nado en Chantada o 31 de Xullo do ano 1893. Trasládase á capital do estado para inicia-la carreira eclesiástica no seminario desta cidade cando transcorría a data de 1907. Tempo despois de rematar os seus estudos seralle adxudicada a parroquia de San Agustín na que servirá durante case toda a súa vida. Pero o seu merecido prestixio ben da nobre labor a que dedicou gran parte da súa vida: a literatura. Neste senso podemos destacar diversas das súas obras: “Dante y el arte ojival”, “Un tríptico medieval”, etc. Na súa lingua materna escribe diversas publicacións: “Romanceiro Compostelán”, “Borreas”, etc. Dentro de toda a súa produción literaria tamén se poden ollar diversas obras poéticas: “Templos Serenos”, “Cancioeiro da Nosa Señora do Faro”, “Escolma de poetas gregos e latinos voltos en lenguaxe galego”, etc.
ampliar
Placa conmemorativa na súa casa natal
No tocante os aspectos formais dicir que Gómez Ledo se mostra versificador fácil e prolífico. No estudo dos seus ensaios apréciase como a súa principal pretensión foi a de espallar a doutrina católica na súa dimensión máis estrita e dogmática. Os seus derradeiros anos de vida pásaos na súa vila de nacemento onde morrerá en Xuño do ano 1977. Dada a súa importante contribución en pro das letras galegas, o pobo de Chantada renderalle unha sentida homenaxe ó colocar unha placa de mármore a carón da casa onde residiu sita na rúa Dous de Maio.

ampliar
Eduardo Seijas
Eduardo Seijas Vázquez
Afamado farmacéutico, historiador e xeólogo nado en Chantada o 23 de Marzo do ano 1907. Como farmacéutico exerceu nas vilas de Monforte de Lemos (do ano 1930 ó 1942) e Palas de Rei (dende o ano 1942 ata a seu pasamento que se produciu nesta vila o día 22 de Decembro do ano 1978). Diplomado en Sanidade (1948) tamén acadou praza por oposición como inspector farmacéutico municipal, actividade que comezou a desenrolar dende a data de 1940. Aparte de todas estas tarefas relacionadas coa sanidade tamén desenrolou outras en eidos totalmente diferentes. Deste xeito sabemos que organizou e dirixiu os mapas hidrolóxicos da provincia de Lugo, das rutas turísticas e do Camiño de Santiago, da mesma provincia. Así mesmo tamén foi director dos mapas hidrolóxicos da provincia de Ourense, A Coruña, Guipúscoa, Logroño, Cidade Real e Xaén. Aínda que perseguido durante os anos da Guerra Civil e da posguerra, parece ser que tiña conviccións profundamente democráticas, recibiu diversas condecoracións tales como a medalla de bronce do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España, da Encomenda da Orde de Alfonso X el Sabio e da Encomenda con placa da Orde Civil da Sanidade. Seijas Vázquez publicou diversas obras referentes a distintos aspectos todos eles relacionados coas actividades que levou a cabo. Entre as súas publicacións compren ser destacadas aquelas que fan referencia á temática histórica: “Clave heráldica gallega”, “Clave de heráldica jacobea”, etc. Tamén merece ser mencionda a “Pequeña historia de un gran café”, obra que deixou inédita cuxa singularidade estriba en que se mostraba como un importante estudo da sociedade chantadina dos anos trinta.

ampliar
Ángel Gómez Montero
Ángel Gómez Montero (Anxel)
Nado en Chantada no o 28 de febreiro de 1909, faleceu o 3 de setembro de 2004, Angel Gómez foi Pintor de Gravados (sobre soporte de madeira, utilizando como materiais: Tinta China, Azafrán, Café, Pinturas, etc...)
No seu haber centos de obras relacionadas sobre a Galicia ancestral: meigas, feitizos, xuntanzas de bruxas, etc...
Cultivou tamén a escultura, con algunha das súas obras obtivo premios nacionais como foi o caso de "O Cego de Romil".
Expuxo en Santiago, Lugo, Lisboa, Valladolid, Xixón, Ourense, A Coruña, Chantada, repetindo en varias desas cidades. Con gran éxito celebrou en Lugo unha exposición monográfica sobre as chemineas que se ven desde a Muralla e que se recolleu nun libro publicado pola Deputación de Lugo. Colaborador de cantas actividades culturais tiveron lugar en Chantada e limítrofes pobos en toda a súa dilatada vida. Pertenceu ó Padroado Cultural da Deputación de Lugo e foi nomeado Lucense do ano no 1994. Tamé é autor da Guía sobre Chantada titulada “Chantada, Corazón de Galicia”. Ed/. Everest S.A. 1991.
Estudou no Seminario de Lugo, Foi profesor de Lingua e Latín no colexio "Concepción Arenal" de Ourense e de español no "Colexio alemán" de Vigo, e no "Labor" de Vigo.
Tamén foi profesor de EXB en Chantada e en diversas escolas da comarca.
Ostentou o Cargo de Delegado da "Caixa de Aforros" da Coruña e Lugo.
Foi correspondente en Chantada dos diarios "El Progreso" e "La Voz de Galicia" e emisoras "Radio Nacional" en Monforte e COPE (Radio Popular) en Lugo
  voltar ó índice
ampliar
Avelino Seijas Vázquez
Avelino Seijas Vázquez
Polifacética personaxe nada no municipio chantadino no ano 1921. Fixo unha achega valiosísima no estudo da historia de Chantada e da súa comarca. Mostra disto témola en diversas das súas obras tales como: “El trovador Xoán de Requeixo” ou na publicación “Chantada y señorío de los Marqueses de Astorga”. Noutra orde de cousas, argumentar que don Avelino tamén exerceu como fiscal comarcal de Monforte de Lemos e Chantada aparte de colaborar con numerosos xornais galegos. Antes da súa morte (en Palas de Rei no ano 1984) e unha vez xubilado, recibiu unha calorosa homenaxe en recoñecemento a labor realizada.

ampliar
Xavier Costa Clavell
Xavier Costa Clavell
Prestixioso escritor cuxa tarefa aínda se pode observar e apreciar na actualidade. Fillo de pai galego e nai catalá nace na chantadina parroquia de San Salvador de Asma o trinta de Maio do ano 1923. Entre os anos 50 e 59 colaborou con diversos xornais galegos, sendo correspondente en Barcelona e en Madrid. Tamén mantivo contactos coa revista catalá “Serra D´or” e co diario “La Vanguardia”. Estamos diante dun persoeiro que percorreu numerosos quilómetros en sendas viaxes por todo o mundo. Visitou algúns dos Países Baixos (Bélxica e Holanda), Suíza, Francia, Portugal, Arxentina e Marrocos; como moitos destes países foron receptores de emigrantes galegos, Costa Clavell aproveitou para ollar a realidade deste continxente demográfico sobre o que escribiu diversas crónicas. Son numerosas as obras que escribiu; destaquemos algunhas: “Los últimos días de la República”, “La Voz”, “A rouca gorxa do meu ser”, etc. Na actualidade colabora co diario galego Galicia Hoxe onde se encarga de redactar unha columna cuxo contido versa sobre diversos temas. Comparte papel neste xornal con persoeiros da talla de Pilar Cernuda ou José de Cora.


  
Algunhas publicacións de Costa Clavell
  voltar ó índice
ampliar
Pilar Vázquez Cuesta
Pilar Vázquez Cuesta
Natural de Chantada (1926) é filla de relevantes persoeiros: o seu pai foi o ilustre deputado nas constituíntes do ano 1931 pola ORGA don Daniel Vázquez; tivo por proxenitora a dona Modesta Cuesta que tivo o honor de ser a primeira muller Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Pilar Vázquez cursou a carreira de Filosofía e Letras na Complutense de Madrid; licenciada en 1946, obtivo o doutorado quince anos despois. En 1962 foi nomeada adxunta de Filoloxía Románica do mesmo centro universitario.
  ampliar
Daniel Vázquez, pai de Pilar Vázquez Cuesta
Na data de 1976 acadou, ó gañar por oposición, a praza de agregada de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Salamanca da que foi catedrática a partires da data de 1982. Unha das súas grandes paixóns tivo moito que ver coa obtención deste último título xa que tentou expandir e difundir a cultura luso brasileira por España. Para corroborar o dito mencionar que son numerosas as comunicacións a congresos e traducións ó castelán de autores brasileiros e portugueses que esta muller realizou. A súa labor como investigadora quedou plasmada en numerosas obras: “Espanha ante o ultimatum” (Lisboa, 1975), “La poesía portuguesa actual” (Madrid, 1976) onde se encargou da selección, tradución e prólogo, etc.

  Novas de" La Voz de Galicia" relacionadas coa autora
• «Non son reintegracionista» 22/02/2002 | Cultura y TV
• «Pilar Vázquez Cuesta destaca el vigor de la narrativa portuguesa»
     19/01/2002 | Ferrol

ampliar
Julia Varela Fernández
Julia Varela Fernández
Nace no lugar de A Ulfe, Vilauxe no 1942, é catedrática de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Os seus traballos refírense sobre todo á educación e á cultura. Entre os seus últimos libros están “Nacimiento de la mujer burguesa” e “Sociología, capitalismo, e democracia”, feito en colaboración con Fernando Álvarez-Uría. A Súa obra “A Ulfe, Socioloxía dunha comunidade rural galega”, gañadora do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2004, pretende ser unha homenaxe "ás xentes que fixeron posible a rica civilización rural galega". A través dos datos que lle proporcionaron tres xeracións de informantes, a socióloga Julia Varela, natural da aldea que estuda, reconstrúe os modos de vida dunha comunidade rural e a evolución da civilización labrega cara á súa desaparición.

ampliar
Xosé Lois García
Xosé Lois García
Naceu o 22 de abril de 1945 na parroquia chantadina de Merlán. Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, onde estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona da que é licenciado en Filosofía e Letras (rama de Historia). Actualmente é Director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona). Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións de Galicia, España e do estranxeiro. Ensaísta, crítico literario, de arte e dramaturgo.
Especialista da literatura de expresión portuguesa en África, antólogo e tradutor. A súa obra a compoñen mais de cincuenta libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán. Ten realizado varias viaxes a África e América. Investigador sobre a obra de Agostinho Neto, o primeiro presidente de Angola, e de outros autores. Ten escrito numerosos prólogos sobre autores de poesía. É membro de honor da União dos Escritores Angolanos.
A súa obra poética está composta por vinte libros, diversificados en poesía amorosa, como “Aquarium” (1982), poesía erótica, como “Materia Corporal” (1986) e “Falo de Baco” (1998) aos que temos que engadir “Kalendas” (2005).

ampliar
Alfonso Eiré López
Alfonso Eiré López
Nado no ano 1955 é natural da chantadina parroquia de Laxe. Prestixioso xornalista e escritor entrou a estudar no Seminario de Lugo trasladándose con posterioridade a capital do Estado para cursala carreira de xornalismo. Cómpre non esquecerse que a súa paixón por ese ámbito veu de moi novo xa que cando aínda era estudante de instituto xa colaboraba co diario El Progreso, sito na capital lucense.
Tempo despois ingresou na revista de corte xuvenil “O Cabeceiro”, sendo o principio dunha extensa traxectoria de vínculo cos medios de comunicación. No ano 1977 entrou a formar parte do equipo do xornal vigués “A Nosa Terra” [ver+], onde aínda continúa na actualidade co cargo de director, que comezou a exercer na data de 1983. Froito de todo este traballo fóronlle outorgados dous Premios Galicia de Xornalismo e o Xulio Camba. Paralelamente a esta actividade xornalística desenrola outra coma literato onde está a acadar recoñecidas cotas de prestixio. Isto ven referendado polos numerosos galardóns literarios que lle foron concedidos os cales abranguen diversos ámbitos: poesía, narrativa e ensaio. Entre as súas obras principias destacan: “O fútbol na sociedade galega”, “Eu tamén fun coas vacas”, “Os límites do dereito á información: xornalistas ante lei ” (realizada xunto con diversos autores), etc.

 
Portadas de algunhas publicacións de Alfonso Eiré
  voltar ó índice
ampliar
Francisco González
Francisco González Rodríguez
   Prestixioso economista nado no concello de Chantada; obtivo a súa titulación de Ciencias Económicas na Universidade Complutense de Madrid. O seu primeiro emprego estivo relacionado coa informática, máis en concreto coa empresa deste ramo Nixdorf. Abandona a mesma no ano 1980 para posteriormente introducirse no mundo da economía como axente de cambio e bolsa. Terán que transcorrer sete anos para que Francisco González funde a súa propia sociedade de valores, FG Inversiones Bursátiles. Con posterioridade entrará a formar parte das xuntas directivas de diversas corredoras de bolsa e bancos. Na data de 1996 entra como asesor e membro do Consello Directivo de Merrill Lynch Internacional amais de incorporarse ó corpo directivo da eléctrica española ENDESA. A partires do ano 2000 comeza a súa prestixiosa carreira como presidente do grupo ARGENTARIA, do Banco Exterior de España S.A., do Banco de Crédito Local de España S.A. e de Caja Postal S.A. Nesta mesma data prodúcese unha das operacións bancarias máis importantes da historia de España: a fusión do Banco Bilbao Vizcaya (BBV) con ARGENTARIA dando como resultado a entidade financeira BBVA, unha das máis importantes do Estado e de Europa. A súa labor nesta nova empresa foi a de presidente, cargo que continúa exercendo na actualidade.

ampliar
Pablo Rubén Eyré
Pablo Rubén Eyré
   Pablo Rubén Jorge Eyré (Vilanova de Soane, Chantada, 1958) é un narrador e poeta galego. Ten colaborado nos xornais El Progreso, La Voz de Galicia, La Región, e en Artes e letras-semanario cultural do Faro de Vigo co pseudónimo de Xohana de Arsilleiros. Tamén foi colaborador en Dorna, revista de expresión poética galega da Universidade de Santiago de Compostela. Un dos seus poemas máis emblemáticos figura posto en pedra pola Deputación Provincial de Lugo na Serra do Faro, a petición pública de Uxío Novoneyra.
Dende moi novo desenvolveu diversas actividades políticas e culturais na defensa dos intereses de Galicia. Durante uns anos presidiu a A. C. Lumieira, fundou o Colectivo Cultural Agrela e a Irmandade Cultural País do Faro. Á súa vez tivo un papel destacado na fundación da revista de información e debate: Alén-Parte. Foi tamén presidente do Círculo Recreativo e Cultural de Chantada. Actualmente combina as súas actividades intelectuais coa Dirección Territorial dunha importante empresa de mediación de seguros.

O seu libro A verdade nos espellos (narrativa) recibiu o Premio Vicente Risco de Literatura, no ano 2014.

Non están todos os que son pero si son todos os que están

Bibliografía

enpregada para o apartado de historia desta páxina

 •  Gómez Montero, Angel: “Chantada, Corazón de Galicia”.
     Ed. Everest S.A. 1991.
•  Campo Fernández, Luis: “ Casas Hidalgas de Saviñao, Chantada
     y de otras Tierras ”.1979.
•  Valcárcel, Xulio: “ Viaxes polas terras de Chantada e A Ulloa ”. 
    Ed. A Nosa Terra, 2001.
•  Laredo Verdejo, Xosé Luis: “A Ulloa, terra de Melide e
    Chantada”
. Ed. Xerais, 1998.
•  Labrada, Lucas: “ Descripción económica del Reino de Galicia ”.
    Ed. Galaxia. Vigo, 1971.
•  Formoso Lamas, Manuel: “Apuntes para la historia de
    Chantada”. Madrid, 1905.
•  Circulo Recreativo Cultural de Chantada, v.v.a.a:
    “Libro de Oro”. Ed. Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 1999.
•  Delgado Gómez, Jaime: “El Románico de Lugo y su provincia”,     tomos II e IV. Ed. EDINOSA, S.L., 1955/1962.
•  Coleccionable “ Lugo XX, historia de un siglo ”, tomos I, II e     III. Ed. El     Progreso de Lugo, S.L.
•  Vázquez Seijas, Manuel: “Fortalezas de Lugo y su provincia”
    tomos I e III. Ed. Diptación de Lugo. Lugo, 1967.
•  V.V.A.A.: “Lugo y sus comarcas”. Ed./ El Progreso, 1998.
•  Anuario do xornal “ El Regionalista ”. Chantada, 1923.
•  Yzquierdo Perrín, Ramón: “La arquitectura románica en Lugo”.     
     Ed. Atlántico. A Coruña, 1ª edición Decembro de 1983.
•  Villares, Ramón : “A Historia”. Ed./. Galaxia. Vigo, 1984.

  Enlaces relacionados
 
     :.  Cancionero de la Biblioteca Vaticana
     :.  Biblioteca Vaticana
     :.  Cancionero Colocci-Brancuti
     :.  El Progreso
     :.  La Voz de Galicia
     :.  Radio Nacional
     :.  Cope
     :.  Revista Serra D'or
     :.  La Vanguardia
    :.  Galicia Hoxe



web desenrolada por novodesenho créditos