1.2. Seguindo os pasos dos castrexos
Aínda que é o castro de San Sebastián o que goza de maior importancia ou peso histórico no concello de Chantada, non é menos certo que o noso municipio posúe outros castros dignos de seren relatados ou expostos aquí. Cómpre salientar que a inmensa maioría deles, por non dicir todos, son inapreciables a día de hoxe por mor de diversos motivos: sobre algúns erguéronse construcións posteriores, sobre outros aplicáronse prácticas agrícolas e outros, posiblemente, case que desapareceron polo transcorrer dos séculos.
O castro de Centulle
Enclavado na parroquia de San Xurxo de Asma dista arredor dun quilómetro da capital municipal. Resulta bastante curioso a súa denominación xa que o termo Centulle nos remite á expresión latina “Centuriae”, moi característica das poderosas lexións romanas. En canto ó castro propiamente dito dicir que a súa configuración, segundo se cre, respondía a un modelo espiral no que se albiscaban dous corpos posuíndo tramos de tres. Segundo din as xentes, un labrador da zona atopouse cunha peza de ouro que vendeu en Ourense; no mesmo espazo tamén sabemos do achado de restos de vaixela e de muíños de man. Pero se o visitante se achegase ata o castro nos nosos días, qué podería atopar?. Do mesmo nada en absoluto xa que sobre el se ergueu un santuario en honra da Nosa Señora de Fátima; ademais o territorio que circunda a esta construción está destinado a uso agrícola. Segundo diversas hipóteses, pode ser que nel residira a fortaleza dos Circa, arrasada polos normandos, que máis tarde pasou a pertencer á Casa dos Altamira.
|
 |
O castro San Amaro
Sito aproximadente a catro quilómetros da vila de Chantada ten por termo parroquial o de San Xián de Mato. Este espazo físico debe máis a súa fama a acontecementos ou celebracións recentes que a aspectos históricos. Ben é certo que no lugar se atopaba un castro cuxa importancia pareceu ser moita no pasado, pero do mesmo pouco se pode dicir xa que a capela que sobre el se ergueu centralizou a atención dos chantadinos e das autoridades. A súa situación responde ós parámetros básicos de calquera castro: lugar elevado e doado de defender sobre o que se domina unha ampla extensión de terreo. Diante de tan poucos datos, quedémonos coa idea e a lembranza de que neste lugar se situou un importante castro de moita raizame nas nosas terras.
O castro de Abeleda
Nas faldras da serra do Faro e próximo ó límite municipal con Carballedo sitúase outro castro que nos mostrou algunha peza para a súa exposición nalgún museo. Abeleda é unha pequena aldea sita na freguesía de San Vicente de Agrade en cuxas proximidades se sitúa un castro.
Deste castro ó igual que acontecía nos casos anteriores, pouco ou nada se pode apreciar no presente e o que nos queda do mesmo son diversas lembranzas dos veciños do lugar. Sabemos que no mesmo un labrador, cando acometía labores de arado, atopouse cun torques de ouro de considerable tamaño e peso que na actualidade se atopa exposto no Museo Provincial de Pontevedra. Este lugar de Abeleda ten moita significación ou relevancia xa que no mesmo se produce un feito de considerable importancia histórica: a aparición dun poboado romano preto do castro. A casualidade fixo que unha empresa de construción, cando realizaba tarefas de saneamento dun prado sito nesta aldea, se atopara con diversos restos que non semellaban pertencer a épocas recentes. Aparte da aparición de diversas paredes, tamén descubriron un cofre con moedas de época romana. Cando as autoridades se fixeron cargo do asunto, procederon a realizar diversas escavacións arqueolóxicas que deron como resultado a aparición dun poboado perfectamente planificado coas súas respectivas casas, rúas, etc. O comentado danos fe dun dato que imbúe a diversos historiadores nun mundo apaixonante: as conexións entre a civilización romana e a cultura castrexa.
|
 |
O castro de San Pedro de Líncora
Sito na parroquia do mesmo nome, dista da vila de Chantada uns tres quilómetros. Moi desgastado polo paso do tempo, máis que dun castro podemos falar da existencia de dous. Están practicamente anexos, aínda que posúen evidentes diferenzas estruturais. O primeiro, que posuía segundo Formoso Lamas tres corpos, domina visualmente un amplo terreo co que se axusta ós típicos parámetros de calquera castro. Puido ser construído cun fin defensivo e de vixilancia, ó tempo que tamén se practicaban cerimonias relixiosas. Estivo unido á Igrexa parroquial, que a comezos do século XIX foi trasladada a un lugar máis céntrico. O segundo dos castros, de menores dimensións, é unha mestura de recinto artificial e natural. Nunha peneda do mesmo descubríronse uns regos; a súa función non está demasiado clara aínda que si na súa parte superior existira un altar, aspecto nada estraño, a mesma sería sinxela. Por ditos regos discorrería o sangue dos sacrificados nas cerimonias relixiosas que se practicaban nos castros. Os actuais habitantes destas terras, comentaron a algúns estudosos que alí se atoparan brazaletes e colares, feito que non debe de estrañar en absoluto xa que ditos ornamentos eran utilizados polas mulleres daquela cultura. Os naturais tamén significaron a existencia dunha entrada subterránea ó castro que os mesmos se encargaron de soterrar.
Ben é certo que estes non son os únicos castros que Chantada posúe dentro dos seus límites xeográficos, pero foron os citados por crer que eran os de maior relevancia e os que permitirían facerse unha idea máis clara da presenza da cultura castrexa nas terras de Chantada. En canto ó Castro Candaz, dicir que será o protagonista en exclusiva dun apartado posterior xa que a importancia que en tempos pretéritos acadou así o aconsella.
|