mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
    10.1. Os petos de ánimas
    10.2. A ermida do Faro
    10.3. A ermida do San Lucas
    10.4. Santa Mariña de Chantada
    10.5. O santuario de Fátima
    10.6. O balneario de Mouriscados
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

10. Edificacións significativas máis recentes
  Á par da rede de monumentos románicos que circundan toda a extensión do concello, existen outros de talla máis recente que por diversas circunstancias, sobre de todo festivas e relixiosas, se gañaron un merecido posto no ránking de lugares a visitar polo viaxeiro que se achegue ata a nosa terra. O apartado que estamos a comezar pretende que o lector faga unha viaxe imaxinaria ata estas edificacións para que teña unha certa percepción das mesmas aínda que, claro está, debe de sopesar de xeito evidente a posibilidade de achegarse ata os mesmos para que esa idea sexa concluínte. A descrición histórica e física destes edificios tamén permitirá coñecer diversos aspectos da sociedade chantadina das distintas épocas en que as construcións foron erguidas.
  voltar ó índice
ampliar
Peto de Ánimas de Centulle
10.1. Os petos de ánimas
  
Monumentos etnográficos de incalculable valor, son outras das mostras que caracterizan e singularizan ó noso concello. Pero é conveniente o realizar unha puntualización sobre os mesmos. Existe moita xente que confunde os petos de ánimas cos esmoleiros e, a tenor da verdade, son construcións claramente diferenciables. Os primeiros deben de ter un retablo no que se representen as ánimas amais de ter un esmoleiro ou caixón de esmolas para poder aplicar sufraxios pola salvación desas ánimas. Nos esmoleiros poden observarse distintas figuras que en ningún caso fan referencia ás animas senón a figuras tales como un Cristo, unha Virxe, etc.; amais disto tamén posúen un lugar para que os camiñantes deixen alí o donativo correspondente.
ampliar
Peto de Ánimas de Mato
ampliar
Peto de Ánimas de Belesar
ampliar
Peto de Ánimas de Brigos
    
  Unha vez feita esta diferenciación centrémonos nos petos existentes na Chantada dos nosos días. En primeiro termo argumentar que o municipio do Asma é o que maior número destes monumentos congrega na provincia de Lugo; a cifra ascende a un total de sete. Destacaremos de entre todos eles tres en concreto que son os máis característicos e coñecidos na nosa terra:

Peto de ánimas de Centulle
Situado na freguesía de San Xurxo de Asma está datado no século XIX. Feito en granito posúe unha mesa sobre a que descansa un retablo na que aparecen tres figuras, a xeito piramidal, que veñen a representar as ánimas.

Peto de ánimas de San Salvador de Brigos
Situado na freguesía do mesmo nome pertence, segundo datos do prestixioso Nicanor Rielo, ó século XVII. Realizado tamén en granito non presenta a día de hoxe relevo de ningún tipo e atópase totalmente en desuso. De tipo cerrado tampouco conserva a porta de ferro que algún día debeu de posuír.

Peto de ánimas de San Xián de Mato
Posiblemente o de máis fermosura do concello. Situado na parroquia homónima, moi preto da igrexa, presenta dúas columnas cilíndricas sobre as que descansa un arco que posúe tres lóbulos. Este conxunto aparece coroado por unha teitume cha sobre a que repousa a figura dun santo axeonllado en actitude de oración. Este peto presenta unha curiosa inscrición, moi fina no trazo, que di o seguinte: “POR D. LOPEZ AÑO 1910”.
Os outros petos que se atopan en Chantada son: San Bartolomeu de Belesar, Santo Tomé de Merlán, Santa Eulalia de Adá e o de Santa Eulalia de Pedrafita
  voltar ó índice
ampliar
Ermida do Faro
10.2. A ermida do Faro
  
Da construción que algún día se asentou no cumio do Monte Faro non se conserva nada, tan só se teñen indicios da mesma, xa que a ermida que hoxe podemos ollar é o resultado dunha reedificación completa, obra que se acometeu na segunda metade do século XVII. Na actualidade sabemos que o pinchón se reformou no ano 1726 e que se reconstruíu o presbiterio “a cimentis” no primeiro terzo do século XIX. Alfonso Vázquez, mestre de cantería e veciño de Oseira, xunto con Jerónimo de Ulloa, cura da chantadina parroquia de Santa María de Nogueira, contrataron no ano 1632 a obra da ermida que habería de ter unhas medidas aproximadas de catorce tercias de longo e doce de ancho; o edificio habería de presentar bóveda de canón. Seguindo con datos históricos argumentar que o bispo de Lugo, don Felipe Peláez, ordenou no ano 1805 demoler a ermida e entregalos caudais ó Capitán Xeral de Galicia para tentar paliar os gastos que a guerra contra do francés estaba ocasionando. Pero vovlveuse a erguer e con ela recuperouse a romaxe cuxa tradición se remontaba á noite dos tempos.

Moeda de Diocleciano
En escavacións arqueolóxicas efectuadas no lugar aló polo século XVIII atopáronse ruínas de muros, un enterramento de cantería e varias moedas de época hispanorromana; unha das mesmas databa da época do emperador romano Diocleciano. É bastante probable que neste lugar se celebrasen cultos pagáns antes da chegada ou expansión do cristianismo quen substituiría calquera edificación anterior por outra de signo claramente cristián. Este tipo de prácticas, como xa comentei no apartado referente ó castro de San Sebastián, foron bastante habituais nas nosas terras. O argumentado con anterioridade vese referendado pola aparición neste lugar de medorras, “humilladoiros” e petróglifos.
A día de hoxe o que podemos ollar é unha ermida con características de edificio fortaleza que presenta planta de cruz latina con cuberta de madeira a dúas augas. Presenta un presbiterio con bóveda de canón amais dun arco triunfal de acceso. A nave principal, tamén con bóveda de canón, aparece divida en tres tramos por catro pilastras con arco de medio punto e imposta.

ampliar
Nosa Señora do Faro
    A destacar o fermoso retablo maior de estilo neoclásico que foi labrado polo tallista Tomás Figueroa Rodríguez; o mesmo presenta tres fornelos e nel descansa unha das dúas tallas que existen da Nosa Señora do Faro; a relatada nestas liñas data do século XVIII. Na parte exterior obsérvase como os muros presentan sillares horizontais de traza regular amais de diversos vans adintelados sen decoración. Para rematar co relato vexamos como describe Nicanor Rielo Carballo este edificio: “... el edificio es de mucha capacidad, sin llegar al tipo de basílica... por falta de torre o campanario, por ausencia de otros acabados y por la presencia de estribos, parece más pequeña...”.
  voltar ó índice
10.3. A ermida do San Lucas
ampliar
Capela de San Lucas
  Edificación datada no século XVIII está enclavada na freguesía de San Xián de Mato. De estilo funcionalista sufriu numerosas reformas no século XIX polo que non presenta un gran interese dende o punto de vista arquitectónico ou artístico. No seu interior destaca a talla de San Lucas, escultura policromada do século XVIII. A singularidade da construción reside en dous feitos: o primeiro ven dado pola súa situación xa que se asenta sobre un antigo castro de gran sona, o Castro San Amaro; o segundo feito que caracteriza a esta ermida ven dado por acoller a multitude de romeiros que o día 18 de Outono se achegan ata o lugar para honrar ó San Lucas. Na actualidade, esta festa xa non congrega ó mesmo número de persoas que no pasado onde se mostraba como unha das romaxes de maior importancia no municipio só superada pola celebrada no Monte Faro e polas festas patronais da vila de Chantada.
  voltar ó índice
10.4. Santa Mariña de Chantada
ampliar
Igrexa de Sta. Mariña de Chantada
  Si ben é o contorno rural quen aglutina a maior parte das edificacións máis significativas do concello, tamén é necesario esgrimir que a vila de Chantada posúe diversas construcións dignas de aparecer nesta obra. Deste xeito, toca referirse neste intre á igrexa parroquial de Santa Mariña. Sita en pleno casco histórico da vila do Asma, aparece flanqueada pola Casa de Basán, pola afamada Casona de Lemos (na actualidade destinada a Casa da Cultura) e pola Praza do Cantón, un dos centros neurálxicos da vila e un día, sede da xa desaparecida Fortaleza de Chantada propiedade do Marqués de Astorga. Do edificio argumentar que a obra que podemos ver na actualidade é o resultado dunha reedificación realizada no século XIX; en alusión a este feito, existe unha inscrición sita entre a porta principal de acceso ó templo e o óculo superior que di o seguinte: “TERRIBILIS EST LOCUS ISTE. HIC DOMUS DEI EST ET PORTA COELI. ANNO MDCCCXVIII (“Magnífico e este lugar, esta é a Casa do Señor e Porta do Ceo. Ano de 1818)”. Pero aínda que o resultado final das obras se remonta a esta data, o comezo das mesmas produciuse anos antes. Será a partir de 1793 cando se dean inicio as mesmas as cales debían de dar resposta ós problemas de espazo da igrexa anterior. Deste xeito cómpre dicir que a sancristía que na actualidade se pode ollar foi realizada con materias reaproveitados de outra construción: a ermida de Santa Ana. Situada na actual Praza de Santa Ana ou Plazuela, nome co que popularmente é coñecida, foi derruída no ano 1801 por orde do bispo Felipe Peláez Canedo para o fin anteriormente exposto.
Centrémonos agora en aspectos artísticos. O Templo distribúese entorno a unha nave rectangular que aparece rematada por unha sancristía semicircular. Acaroadas a esta última aparecen dúas capelas: a de San Antonio e a de San Xoán Bautista cuxo padroado pasou a ostentar a partires de 1819 don José María Quiroga y Pardo Arias. En canto a imaxinería argumentar que non se conservan os retablos primitivos a causa dun incendio. De entre as tallas existentes na actualidade destacar un Xesús coa Cruz a costas (realizado por Máximo Magariños) ou un San Francisco que aparece abrazado ó Cristo descravado da cruz, obra premiada na Expo do ano 1912 celebrada en Barcelona. Pero a verdadeira xoia deste templo é unha custodia que, coma xa se comentou no apartado referente á fortaleza de Chantada, foi o resultado dunha doazón por parte do Marqués de Astorga á igrexa de Santa Mariña de Chantada aló polo ano 1779. Ó pé desta obra de ourivaría aparece un texto que fai referencia ó acontecemento anteriormente sinalado; o mesmo di o seguinte: “ LA DIO EL EXMO. SR. DN. VICENTE/ MARQS. DE ASTORGA/ A LA PARRQ. DE SU VILLA DE CHANTADA. AÑO 1779/ MIGL. MATRITI, (punzón), MG/ GONZ”. Esta custodia aparece adornada ou engalanada por máis de 330 pedras preciosas.
No exterior da edificación destaca pola súa fermosura a fachada de estilo neoclásico, presentando un frontis de catro pilastras cun entaboamento e frontón partido. A partires do mesmo arranca unha base sobre a que descansa unha torre cadrada cuxa función é a de soster o campanario que tamén presenta un segundo corpo octogonal. En canto ós muros de granito dicir que a maioría presenta unha traza regular estando dispostos de xeito horizontal; percíbese unha clara diferenza entre os sillares da nave principal e os da sancristía, que son os que se reaproveitaron da antiga ermida de Santa Ana.
Para rematar con esta igrexa é conveniente sinalar que nun tempo se quedou pequena dada a importante afluencia de fieis ó templo. Nese instante pensouse en erguer unha nova igrexa que dese resposta a ese problema. O lugar escollido para levar a acabo tal proxecto, que sería realizado polo construtor Julio Souto Rodríguez, foi a emerxente rúa Xoán XXIII onde dona Manolita Lorenzana cedeu un solar da súa propiedade. Os traballos estendéronse no tempo por un total de cinco anos, sendo rematadas en Maio do ano 1971. A construción que a día de hoxe podemos ollar responde a unha tipoloxía totalmente contemporánea, estando totalmente aloxada de calquera edificio relixioso do pasado. Destaca na mesma unha torre de considerable altura na que se sitúa un reloxo que é o encargado de marcarlle ós chantadinos o transcorrer das horas.
  voltar ó índice
10.5. O santuario de Fátima
ampliar
Santuario de Fátima
ampliar
Detalle do rosetón
    Da existencia do mesmo xa se falou no apartado referente ó castro de Centulle. Situado sobre este, móstrase como unha especie de castelo que domina visualmente un amplo territorio. Erguido no século pasado, foi promovido polo párroco don Emilio Eyré Lamas, coñecido popularmente co alcume de pai Eyré. Esta edificación foi concibida a xeito de fortaleza, aparecendo coroada por diversas cruces gaélicas que fan que a construción adopte unha forma semellante á dos castelos irlandeses. En canto ó estilo artístico argumentar que o santuario non recolle unha soa tendencia senón que se mostra coma unha mestura de elementos mozárabes, románicos e gaélicos. Interiormente presenta un chan graduado en altura mediante diversas plataformas; destaca neste espazo a talla de Nosa Señora de Fátima que foi elaborada por Capa na escola de Belas Artes de Madrid. A importancia da mesma, non nos esquezamos de que este foi o primeiro santuario dedicado a Virxe de Fátima en toda España, veu referendada no acto de consagración da imaxe. Celebrado na Academia de San Fernando o doce de Xuño do ano 1945, asistiron ó mesmo personalidades da talla dos infantes don Luís Alfonso e dona Mercedes de Baviera e de Borbón.Segundo sabemos, en certas períodos dun pasado non tan lonxano, era moita a xente que se achegaba ata este lugar para honrar á Virxe de Fátima aló polo mes de Maio de cada ano. Peregrinaban dende diversos puntos do concello, tendo constancia de persoas que ían o santuario de véspera portando algúns fachos. Desgraciadamente e, ó igual que acontece con outras moitas romarías, a festa de Fátima foi perdendo importancia co paso dos anos. Na actualidade aínda se seguen celebrando misas pero tanto as procesións coma as festas caeron en desuso.
  voltar ó índice
ampliar
Balneario de Mouriscados
10.6. O balneario de Mouriscados
  
Chantada tamén é terra de termalismo. As fallas que circundan o seu territorio déixanse notar de cando en vez a través de mananciais cuxo líquido elemento se utilizaba no pasado para a cura de diversas doenzas. Exemplo disto témolo no complexo de Mouriscados, sito na freguesía de Santa María de Arcos. Estamos a falar dunha casa, de estilo funcional e sen ningún valor artístico, na que se situada un balneario que se servía dun manancial próximo, a uns centos de metros. Do mesmo e, entre rochas de granito, abrollaban unhas augas sulfurado-sódicas a través de dous ollos a unha temperatura de 8,5 e 17 graos Centígrados. Eran utilizadas polos veciños da zona para o tratamento de doenzas dérmicas e para os trastornos producidos no aparato dixestivo. Este complexo foi construído por un familia chantadina no ano 1890 e permaneceu activo ata 1970, data aproximada do seu peche. O que na actualidade o que se pode observar é unha casa abandonada a carón do río Enviande en cuxo interior se conserva algún que outro material relacionado coas actividades que alí se desenvolvían. Aínda se percibe o forte cheiro que estas augas.

  Artigos relacionados
 
     :. Diocleciano (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)



web desenrolada por novodesenho créditos