9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
Tamén Chantada é terra de lendas. Citouse con anterioridade a crenza que teñen algúns veciños na existencia de tesouros no Castro Candaz baseándose en diversas ditos que percorreron a comarca ó longo da historia. Pero esta non é a lenda de maior repercusión en Chantada; quizais este mérito llo haxa que conceder ó Corpo Santo.
Nunha capela amplamente venerada e sita na parroquia de Santa Cruz de Viana (Chantada), descansan os restos do frade Miguel González, máis coñecido entre os chantadinos co sobrenome de O Corpo Santo. Existen moitas lendas entorno á súa vida e milagres, sendo a fonte máis fidedigna unha copia realizada o 21 de Xullo de 1720 dun libro orixinal; a mesma foi escrita por don Miguel Sarmiento de Sotomayor, abade e crego que foi da freguesía de Santa Uxía de Asma e o seu anexo Santa Cruz de Viana. Esta obra acometeuse co fin de respostar a petición feita polo pai José Rivera, quen recibira ordes da Santa Sé, para indagar sobre o culto, vida e milagres atribuídos a San Pedro González de Telmo. Na vida deste santo tivo gran importancia a figura do frade Miguel González de cuxo estudo se encargaría o citado Miguel Sarmiento. Segundo a obra do mesmo, esta personaxe catalogada de santo viviu entorno ó ano 1200 e era natural das Mariñas de Betanzos. Conta a historia que o mesmo, xunto co frade Pedro das Mariñas (crese que morto arredor do ano 1238 e cuxo corpo descansa na igrexa de Santo Domingo de Rivadavia), viña acompañando a San Pedro González Telmo, apóstolo de Galicia e patrón na actualidade da Diocese de Tui, na viaxe peregrinatoria cara Santiago de Compostela. Chegados á lagoa do Cepo, sita na freguesía de San Pedro de Viana, o frade Miguel atopouse canso debido á intensa calor que facía. Segundo se nos di, chantou na terra o báculo que o acompañaba (feito en madeira de pereira) e pousou enriba del a súa capa. Tempo despois ollaron como o báculo aparecía coroado de flores e follas; posteriormente alí medraría un pereira que se conservou ata o ano 1670 e que foi chamado o “Pau do Romeiro”.Tras este acontecemento proseguiron a súa viaxe polas terras de Chantada chegando á Costa da Matanza. Este lugar, de gran significación histórica, aparece reflectido en diversos documentos históricos; poñamos como exemplo unha pregaria en verso impresa no ano 1774:
“... de las victorias que alcanza
con vuestro amparo Galicia
contra los moros, noticia
da el lugar de la Matanza.
De las doncellas la honrosa
libertad fue allí adquirida...”
A costa da Matanza pasaría á historia por ser o escenario da derrota de moitos mouros a mans do rei Ramiro. Pero voltemos á viaxe empredida polo frade Miguel González. Unha vez no lugar mencionado síntese indisposto en gran medida; sabedor da súa temperá morte pídelle ós seus compañeiros como derradeira vontade: “Meus irmáns sabede que chegou a hora da miña morte e así vos pido que enterredes o meu corpo na primeira igrexa cuia campá tocase de seu”. Continuaron o camiño e chegaron a unha fonte donde se dispuxeron a saciar a súa sede; dende aquel intre pasou a chamarse “a Fonte do Santo”, derrubada co tempo e levantada de novo no ano 1940. O frade Miguel morre nos brazos dos seus acompañantes, preto da igrexa de Santa Cruz de Viana.
Este templo de apenas 110 m. cadrados data do século XII aínda que de dita época tan só se conserva o arco toral; segundo un documento do ano 1254 esta igrexa pertenceu á orde dos Templarios que a denominaban como Santa Cruz de Asma. Dise que alí soaron as campás sen ningún tipo de axuda humana. Ó chegar ó lugar don Pedro das Mariñas e San Pedro González Telmo ollaron como unha pomba se pousou enriba das campás. Deste xeito souberon cal era o lugar de enterramento do frade Miguel. O sarcófago feito para el situouse na esquina da porta principal da igrexa. Dende entón comezaron a producirse multitude de milagres: curación de coxos, de cegos, etc.
|
|
Capela dedicada ao Frade Miguel |
|
Os veciños, diante de semellantes acontecementos decidiron erguer un arco sobre a tumba que co tempo pasaría a bóveda e logo a capela. Na actualidade, este pequeno espazo de apenas 46 m. cadrados está comunicado coa igrexa mediante un amplo arco de medio punto. No altar aparece recollida unha figura do frade Miguel, sita nun retablo barroco a modo de baldaquino, cun libro na man esquerda (símbolo da intelectualidade) e unha pomba na dereita (que simboliza a pureza). Esta imaxe descansa enriba dunha furna en cuxa peaña se pode ler: “venerable frade Miguel González/ da orde de predicadores/ compañeiro de San Telmo. 1853”.
Pero a lenda non remata aquí. Comenta a copia de Manuel Sarmiento que no ano 1580 o licenciado Domingo Fernández, abade da freguesía de Santa Uxía de Asma, rexistrou o nicho do Santo atopándose cun corpo enteiro que mandou poñer no altar. Pero o feito de inspecciona-lo sarcófago converteuse en algo maldito. Segundo se di, un bispo de Lugo tentou con moita ansia rexistra-lo nicho do Corpo Santo pero sobreveulle a morte antes de conseguir o seu obxectivo. Posteriormente o bispo Pozo, que o foi da cidade de Lugo arredor do ano 1646, desistiu do mesmo propósito ó coñecer o que lle sucedera ó seu homónimo. O santo Miguel González posúe gran devoción. A súa festividade é celebrada polos romeiros o luns atestado a Semana Santa. A lenda continúa.
Outra das lendas que percorre o municipio de Chantada é a de a Pena de Erosa . Este lugar, sito na freguesía de Santa Baia de Adá, ten nas súas inmediacións unhas curiosas penedas enclavadas na marxe esquerda da antiga estrada que unía Monforte de Lemos con Lalín. Das mesmas existen multitude de interpretacións e lendas pero hai unha en concreto que co tempo adquiriu maior relevancia; a día de hoxe é a máis estendida entre os do lugar. A mesma cóntanos que unha moura, que portaba na súa cabeza unha inmensa pedra, era perseguida con tremenda ansia; no seu camiño atopouse de súpeto cunha gran peneda que a nosa protagonista identificou como base para sobre da mesma colocar a que levaba na cabeza. Deste xeito xurdiu unha curiosa composición pétrea que aínda hoxe podemos contemplar moi preto da mencionada aldea de Erosa.
Pedras e penedas tamén contén unha lenda circunscrita á pequena aldea de Belesar, famosa pola súa ponte e polos seus “Codos” (antigua calzada de orixe romana). Neste lugar e, con anterioridade á construcción do encoro de Belesar, estivo sita “ a pena das malas mulleres” que non era outra cousa que un peñasco que se erguía valeroso sobor das augas do río Miño. A lenda comeza cando un home descobre que a súa dona o esta enganando; despeitado e enfurecido decide recluir nese peñasco á súa muller. O que non sabemos é o remate de tal historia; non temos constancia de se a muller logrou sobrevivir ou se pola contra pereceu víctima de tan cruel castigo.
O apóstolo tamén deixou na nosa comarca unha fonda pegada. Dúas son as lendas que sobre este santo perduraron na memoria de moitos dos habitantes do municipio e cuios relatos din así: estando o santo de paso polo lugar de Santiago da Riba, ollaba con tranquilidade dende o seu fermoso cabalo como as xentes se adicaban as labores da sega e do abancado das muras. Entrementras, chega ós seus oídos que a Virxe María tan só está cuberta por unha estopa de liño. Non o dubida, ten que actuar de inmediato. O primeiro que pensa é en vender o seu corcel para dotar á Virxe dunha vestimenta acorde co seu rango. Para elo ten en mente dirixirse cara a vila de Monterroso e acometer tal pensamento. Pero os veciños de Santiago da Riba non o deixan e para subsanar o problema da Santa Nai deciden: “apoxar vagos, xuntar cen canados, e poñer á Virxe guapa e churrusqueira”. A segunda das lendas ou tradición piedosa, versa sobre o Castelo e Pazo de Chantada . O mandato que Xesús lles encomendara ós seus apóstolos unha vez resucitado trala súa cruenta morte na cruz fora o de expandir as súas ensinanzas por todo o mundo. En cumplimento de tal tarefa, o apóstolo Santiago dirixiuse cara España.
Tras un longo percorrido chegou a terras do noso municipio atopándose no seu camiño cun poderoso señor da época: o propietario do castelo e pazo Chantada. Segundo se cre, conseguiu que o señor deste castelo e a súa familia se convertesen ó cristianismo. Deste xeito, o señor adoptou como brasón aquel no que figuraban cinco cruces sen cabeza (Tau) que sería o primitivo escudo dos Fernández de Temes.
Chantada, como terra ribeirá que é, nunca viviu de costas ó río máis importante que discorre polas súas terras: o Miño. Na antigüidade os ríos foron lugares de paso, de sustento e lecer para as xentes da zona. Tamén se constituían como espazos de relación entre persoas e de estas con outros seres xurdidos do maxín das persoas cuxas orixes se remontan ás noites dos tempos. Con estes seres compartíase territorio e como bos veciños, tamén se compartían disputas. En todo caso, estes demos ou monstros son un importante reflexo da mentalidade colectiva da xente reflectindo moitos dos seus valores morais e, ó mesmo tempo, constitúense como un excelente xeito de ollar a rica herdanza cultural que posuímos. Para falar deles, comezamos por citar ás Xacias ; estou a falar de seres míticos humanizados do medio acuático que están emparentadas coas sereas. Segundo se cría, cativaban ós homes pola súa extraordinaria beleza para con posterioridade causa-la perdición dos que as seguen.Outros dos mitos localízase na veciña parroquia taboadesa de Sobrecedo. É neste lugar onde os veciños falaban das Cobras que roldaban pola Ribeira Sacra: “as cobras cando son vellas, claro que voaban... E andaban derredor, mordían o rabo, enroscábanse, tirábanse pola ribeira ou polos montes... Eu nunca as vin, sempre se dixo, contan iso...”. Estes seres eran a representación do mal e contábase que chegaban a alcanzar tamaños extraordinarios. Segundo a crenza popular estaban emparentadas cos cantos e as serpes que gardaban tesouros nas covas; eran a representación de moitos dos medos e temores das xentes da zona.
Unha das crenzas máis estendidas pola nosa comarca é aquela que nos fala da Nosa Señora do Faro , virxe milagreira de gran devoción nas terras interiores de Galicia. Á mesma xa lle dedicaba diversas cantigas o eminente trobador e ilustre chantadino Xohán de Requeixo [ver+] (mediados do século XIII). Tempo despois sería Avelino Gómez Ledo [ver+], clerigo con numerosas influencias na capital do Estado, quen escribise un libro no que aparecían recollidos diversos cantos a esta Virxe: “O cancioneiro de Nosa Señora do Faro”. Cómpre facer unha puntualización neste momento: existen dúas figuras que representan á Virxe do Faro; a que se atopa no cumio do monte é nai e a situada na igrexa de Santiago de Requeixo é a filla. Este dato é necesario comentalo pois na véspera da celebración da romaría, celebrada o día oito de Setembro, os fieis soben a ombreiros á filla ata a capela do Faro para que esta se atope coa súa proxenitora e xuntas pasar a romaría do día posterior.
Tamén é certo que existe unha segunda data, día quince de Agosto, na que se honra a esta Santa aínda que o seu calado entre os chantadinos é menor. Moitos son os romeiros, chegados de moi variados puntos, que acoden á honrala imaxe milagreira; cada un deles coas súas inquietudes e as súas peticións en mente. Algunhas xentes fan o percorrido ata a capela a pé, feito que aínda acontece na actualidade. No pasado víanse persoas que subían o monte Faro vestidas cunha túnica branca e en completo silencio xa que o non ofrecer palabra estaba dentro da ofrenda feita á Virxe. De entre tódalas ofrendas, a máis estendida na actualidade é a de subir un via crucis situado a escasos metros da capela de xeonllos para unha vez chegado á ermida facer o pertinente rezo e petición.
 |
 |
 |
Artigos relacionados |
|
|
:. Templarios
Fundación Xosé Soto de Fión (galego) |
|