mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
    8.1. A fortaleza de Chantada
    8.2. A torre de Arcos
    8.3. Da existencia de outras torres
    8.4. O pazo de Suatorre
    8.5. A casona de Lemos
    8.6. A casa de Boán
    8.7. A casa de Eiriz
    8.8. O pazo da Elfe
    8.9. A casa de Carraltravesa
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

8. Señoríos e Nobleza
  Chantada destaca, entre outros aspectos, polo seu patrimonio románico. Pero tamén é salientable o notable papel que xogaron as familias nobres e casas fortes da comarca ó longo da historia. A súa importancia non só radica en aspectos puramente políticos ou administrativos, senón tamén en termos artísticos pois deixaron numerosa constancia de pazos, Casas Fortes e Torres. Este apartado pretende achegar ó lector ó intricado mundo das familias nobres de Chantada que non é outra cousa, que coñecer mellor o pasado do noso Concello e de nós mesmos.

Armas dos Moure
    Comezaremos polos Moure cuxa Torre é moi interesante pola súa antigüidade e por estar vinculada ó Morgado de Chantada por don Suero Moure, descendente de Fernán Moure. Este último chegou a Chantada no século XVI buscando a protección de Vasco Gómez das Seixas que por aquel entón exercía o señorío de Chantada. Fernán Moure enfrontárase con anterioridade o arcebispo de Santiago, don Juan García Manrique (tamén Chanceler Maior de Galicia), debido a intrigas políticas e a intereses xurisdicionais. O arcebispo tomara e mandara demoler o castelo chamado do Rei Moro, pertencente a Fernán Moure, e considerado como un dos máis importantes da terra do Deza. Fernán, diante do temor de novas represalias acolleuse ó seguro da Torre de Chantada que era da súa propiedade. Os seus netos restaurárona e déronlle carácter de Casa Forte e Solar de Fidalguía, e don Suero de Moure Villamarín uniuna con outros bens do Morgado da familia. No ano 1671 era dono e señor da Torre dos Moure don Alonso de Moure e Villamarín, pasando pouco despois á súa filla dona Juana Moure co Morgado e os brasóns da Casa dos Moure. Dona Juana estivo casada con don Manuel Enríquez Sarmiento, pai de don Benito Alonso, cabaleiro que o día 18 de Xuño de 1757 foi asasinado de xeito aleivoso na vella Torre dos Moure. Despois da súa morte, a edificación con todos os seus bens que lle estaban anexos pasaron ó seu fillo, don Javier Enríquez e Sarmiento, Marqués de Valladares.
  A nobreza dos Moure de Chantada aparece vinculada ó título nobiliario dos Marqueses de Valladares, uníndose posteriormente a descendencia coa familia dos Marqueses de Mos. O título de Marqués de Valladares foi concedido o 4 de Abril de 1673, por Real Despacho do 6 de Xuño, a don Luis Sarmiento de Valladares e Meira, cabaleiro de Santiago. Don Juan Manuel Enríquez Sarmiento aparece empadroado como noble en Chantada no ano 1702 ó igual que o seu fillo, don Benito Alonso Enríquez Sarmiento de Valladares (III Marqués de Valladares), que figura como noble empadroado en Chantada no 1732.Unións matrimoniais e ausencias en Chantada dos descendentes dos Moures trouxeron o esquecemento desta liñaxe, sen que saibamos con certeza en que lugar concreto estivo a mencionada Torre dos Moure. O prolífico autor e gran estudoso Vázquez Seijas, cita un expediente promovido polo chantadino don Alonso Ulloa co fin de obter o hábito da Orde de Santiago; nel aparece mencionada a Torre do seguinte xeito: “Esta sita en la plaza de la villa de Chantada, y es una Torre cuadrada de alto de dos pisos, la cual tiene una ventana pequeña hecha al tiempo antiguo. Y otra ventana en lo alto de dicha Torre, la cual tiene un corredor delantero con tres ventanas que cubren la principal de la Torre. Y la puerta por donde se solía entrar fue de arco, como se reconoce, y agora es de las que se estilan”. Por diversos datos e referencias protocolarias que se conservan, crese que a Torre estaba sita no antigo Cantón, actual Praza do Mercado. Propiedades anexas debían de ser algunhas casas do Portal de Arriba, que dan fronte a praza da vila, casas actualmente modificadas e levantadas sobre as que pertenceron a Torre. Todo elo pasou ós Marqueses de Astorga e Condes de Altamira, que exerceron durante algún tempo o señorío da vila. A vella cárcere da vila estivo instalada por acordo do Concello Local no edificio que os señores da xurisdición tiñan destinado para prisión.
  voltar ó índice
Armas dos Temes
    Gozou tamén de ampla sona e importancia nas terras de Chantada a Casa Forte dos Temes. Existen diversas referencias que nos levan a argumentar que o seu solar se atopaba na Casa Torre de Cartelos, aínda que cómpre deixar o exposto en probable. Ditas construcións están enclavadas na freguesía de San Estevo de Cartelos que na actualidade pertence ó concello de Carballedo. Anteriormente situábase na xurisdición de Chantada ó igual que as parroquias de Buciños, Carballedo, Lobelle, San Mamede e Santiago de Lousada, tamén hoxe englobadas no municipio de Carballedo. Isto foi así ata que foron suprimidas as xurisdicións, momento no que se estableceu a división administrativa dos termos municipais. Como reminiscencia do apelido Temes existe na actualidade un topónimo que garda moita relación co mesmo: Santa María de Temes, aldea enclavada na mesma comarca. Neste lugar, algúns historiadores sitúan o solar e Casa Forte máis importante deste liñaxe; tamén afirman que os Señores que marcan a orixe desta estirpe nobiliaria tomaron o apelido Temes deste lugar por situarse alí a Torre ou Fortaleza máis antiga desta familia. Tamén é conveniente sinalar que os fidalgos desta gran familia exerceron dereitos xurisdicionais tanto civís como criminais no Coto de Temes. Establezamos neste punto un breve paréntese para facer referencia a un tumba de ampla repercusión histórica e cuxo morador, serve como claro expoñente da importancia desta liñaxe. Na igrexa de Santiago de Lousada (Carballedo) está o sepulcro de Vasco Pérez de Temes, que foi no pasado señor das vilas de Temes e Chantada.

ampliar
ampliar [+]
Sepulcro de Vasco Pérez de Temes
O mesmo está sito a carón da porta principal nun arcosalio aberto no muro aínda que segundo se nos comenta no tomo XVI da obra “Archivo Español del Arte”, este nicho debeu de ser feito para estar situado no medio da igrexa ou para que polo menos se puidese andar arredor del e deste xeito, ler a inscrición que en breves liñas será comentada. Tamén se cre que o sepulcro estivo montado sobre de algúns animais aparte de levar unha escultura xacente con hábito de grandes pregues recollidos sobre as mans, que se cruzaban no peito. Existe a constancia de que este nicho foi obxecto de profanación nun tempo pasado. En canto a inscrición, na actualidade incompleta, o autor Vázquez Seijas transcribiuna do seguinte xeito: “ Aiqi yace Vasco Pérez de Temes , rico cabaleiro pequeno de corpo e que había gran siso e lealtade e esforzo e morreo en outro día de Santa María dagosto. Era MCCCLXXI.”. Esta tradución coincide bastante coa feita por Fernández de Bethencourt na súa obra “Historia Genealógica de los Grandes de España” (tomo V). Noutra orde de cousas hai que salientar o feito de que os Temes tamén tiveron Torre e Casa Forte no concello de Chantada cuxos restos parciais aínda podemos contemplar na actualidade. Dos mesmos falarase en apartados posteriores tendo por situación a freguesía de Santa María de Arcos; na súa igrexa parroquial consérvanse algúns soterramentos con brasóns da liñaxe que durante algún tempo exerceu o señorío na vila de Chantada.
  voltar ó índice
  Desta liñaxe temos coñecemento que descende a rama dos Fernández de Temes de Andalucía que a súa vez, foron proxenitores do célebre Gonzalo Fernández de Córdoba, máis coñecido co sobrenome do Gran Capitán. Esta personaxe xogou un papel de relevancia nas guerras de Nápoles e Granada en tempos dos Reis Católicos, destacando polas súas dotes militares. Unidas ó nome do Gran Capitán figuran as batallas de Ceriñola e Garellano así como as lendarias contas que presentou ó rei Fernando, temeroso das dádivas e beneficios concedidos polo Gran Capitán ós cabaleiros e soldados que combateron con el na conquista do reino de Nápoles. Da súa ascendencia chantadina temos algunhas referencias que deseguido paso a comentar. O citado anteriormente Vasco Fernández de Temes tivo un fillo que tomou por nome o de Nuño Fernández de Temes. Gran militar e poderoso cabaleiro asistiu ás conquistas de Baeza, Córdoba e Sevilla xunto as tropas do rei Fernando III. O seu nome aparece en varios privilexios unido a dignidade de Merino Maior de Galicia. Uniuse en matrimonio a dona Elvira Fernández de Castro, relación da que saíron dous fillos: Vasco e Fernando Fernández de Temes; a este último tocáronlle varias cidades de Andalucía feito co que da comezo o liñaxe de don Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán.
Por todo o afirmado constátase a importancia dos Fernández de Temes e de tódalas ramas derivadas dun mesmo tronco común, como por exemplo foron as vinculadas ás Casas Fortes da Peroxa, Milleirós, Temes, etc.

Armas dos Saavedra
ampliar
Ramiro II
    Outra importante familia chantadina foi a dos Arias de Sirgal, emparentados tamén cos Fernández de Temes. Segundo se cre, as persoas que teñen este apelido descenden do rei suevo de Galicia Ariamiro (octavo nesta dinastía), monarca que fixo que o seu pobo rexeitara a herexía arriana. Dise que outra liña dos Arias de Sirgal ten a súa orixe noutro rei godo chamado Flavio Egica (687), especulándose a posibilidade de que esta sexa a razón do porqué algúns desta familia levaron o apelido Godo. Personaxe destacada na familia foi un tal Alfonso, señor da Torre de Sirgal despois da batalla de Clavijo e un dos primeiros trece establecidos polo rei Ramiro I. Papel relevante tamén xogou o Conde don Arias Godo quen casado con dona Aldaria Osorio tivo por fillo primoxénito a don Mendo de Arias co que asistiu a xura do rei Ramiro I, acudindo tamén a batalla de Clavijo. A familia Arias estivo unida á dos Saavedra e a dos Soutomaiores, feito que se constata nos escudos destas familias pois conteñen as mesmas armas. Aló polo ano 698, reinando Witiza I, tivo a súa orixe a Casa dos Saavedra sendo o seu primeiro Conde don Fernando ou Ferrando, señor de dita casa e Castelo de Eiriz. Contraeu matrimonio con dona Ilduaria Arias, ama do castelo do mesmo nome, coa que tivo un fillo chamado Arias Fernández. O mesmo caracterizouse historicamente por ser Capitán do rei don Pelayo. Na saga tamén é reseñable don Arias Lucido; casado con dona Brunilda (neta do rei Silo) foi o artífice en compaña do Conde Oreco Mesía, da morte do rei Mauregato no ano 788. Peso histórico tamén tivo don Alonso Lucido Arias pois aparte de señor da Casa tamén ostentou o cargo de Capitán do rei Ramiro II. O seu matrimonio con dona Adosinda Gutiérrez tamén goza de significación xa que esta muller era irmán do célebre San Rosendo. Para finalizar sinalar un dato que subliñará de xeito definitivo a moita importancia histórica da saga dos Arias de Sirgal; baste con saber que nesta familia se atopan cinco raíñas de León e Galicia.
  voltar ó índice
Escudo dos Eiriz
    Por un momento centrémonos nunha personaxe de notable peso non só na historia da comarca senón na de Galicia: o Conde Ero Ordóñez . Natural de Asturias e descendente de godos foi Capitán Xeral de Alfonso III, asistindo á consagración do templo do apóstolo Santiago mandado construír por aquel monarca; tamén se ten certeza de que asistiu á toma de Coimbra. Señor de moitas terras estivo casado en primeiras nupcias con dona Adosinda de Sandiás da que tivo unha primeira filla que levou por nome o de Santa Ilduara, gran señora e nai do célebre San Rosendo. Nun segundo matrimonio, onde figura como esposa a infanta dona Laura, don Ero tivo dous fillos, Gudetesco Eriz e dona Urraca. E é aquí onde se quere localizar o comezo doutra nobre saga chantadina: os Erices ou Eirices, que deron para historia ilustres personaxes. Un deles foi don Luero que desempeñou o cargo de Xustiza Maior da cidade de Santiago de Compostela en tempos de Alfonso VI. Outro ascendente dos Eiriz foi don Arias Fernández Saavedra, señor da Torre de Rubián en tempos de Alfonso IX de León, quen cambiou xunto coa súa dona (Godina Ordóñez) a Torre e lugar de Rubián cos seus vasalos polo casal de Santiago de Ripa. Tense constancia de que este matrimonio fundou no seu pazo de Santa Eulalia de Bóveda un mosteiro de monxas de San Benito. Crese que tamén pertenceu ós Eirices don Ero Méndez, que durante algún tempo foi señor de Chantada. Máis adiante a casa solariega da saga pasou á propiedade dun tal Francisco de Somoza e Castro. Na actualidade aínda podemos ver en pé a casa dos Eirices sita na pequena aldea de Eiriz (apelido propiamente galego), pertencente á parroquia de San Salvador de Brigos. En canto ó seu escudo de armas argumentar que o mesmo provén dunha doazón realizada polo monarca Ramiro I ós irmáns Olmudo e Ergica de Eriz. Este rei concedeu honores e privilexios a esta liñaxe amais de engadir ó seu brasón seis aspas de ouro co signo ou emblema heráldico que di:

Los Eirices con tal saña
en los enemigos hieren
que ganando la campaña,
las seis aspas de oro adquieren
dando honor y envidia a España.

Armas dos Méndez
ver
Fruela I
    Liñaxe distinguido foi o dos Boáns con solar na actual aldea de Boán, sita na parroquia de San Paio de Muradelle e próxima a vila de Chantada. Desta casa solariega saíron nobres persoas coma os do señorío de San Damián de Buenavista. Destaca don Pedro Boán de Temes e Araujo que segundo Manuel Murguía escribiu a “ Historia Civil y Genealogía de Galicia” , créndose que a continuou o seu irmán don Xoán coa parte correspondente á “ Historia Eclesiástica de Galicia” . Da mesma casa foi don Fernando de Boán e Arias que fixo os seus estudos en Salamanca e foi Colexial de Fonseca. Desempeñou entre outros cargos o de Merino da xurisdición de Oseira por designación do Abade do Mosteiro. Destacables tamén foron os Méndez dos que se di son descendentes do rei Fruela e dos reis suevos. Don Alonso Méndez foi unha das persoas que gozou de máis relevancia na familia, sendo señor de Nogueira. Segundo un antigo manuscrito, o escudo de armas da familia aparecía reflectido nun nicho da igrexa parroquial de Nogueira e que enriba da porta de dita construción aparecía unha cruz semellante a de San Xoán. Deste último dato, podemos inferir que este templo fose construído por patrocinio desta familia xa que a mencionada cruz tan só era utilizada polos Méndez e polos cabaleiros da Orde de San Xoán. Coméntase que no escudo de armas da familia tamén aparecían, aparte da cruz, oito cabezas de aguias sobre un fondo de auga que fluía por todo o conxunto heráldico.

Armas dos Losada
ver
Felipe II
    Para rematar, non podemos esquecernos dos Losadas e Quiroga. Oriundos do val de Quiroga, foron importantes cabaleiros no mesmo. Os seus descendentes foron os señores Lugo de Pedrosa os que conservan ou conservaban unha importante propiedade no lugar chamado A Elfe, sito na parroquia de Santa María de Arcos en Chantada. As armas da mencionada familia e, segundo un título concedido en Madrid en Agosto de 1755, son un escudo de prata no que aparecen recollidas dúas lousas de pedra de cor parda; debaixo das mesmas sitúanse dous lagartos verdes con tintes negras que asoman as facianas por un lado e o rabo polo outro. Noutra casa da mesma familia, de menor antigüidade, atópanse novas armas pero con diversas alteracións, aspecto do que se presume que esta familia posuía outros títulos e parentescos familiares. Destacables na familia foron Gutiérrez e Gil de Losada, ambos cabaleiros de Santiago e asistentes á batalla das Navas de Tolosa (1212). Tamén digno de mención foi don Vasco de Quiroga e Losada, afamado cabaleiro da época cuxos restos descansan segundo algún autor cos da súa dona (Urraca de Temes) na igrexa da Abadía de San Pedro Torbes. O Cardeal Gaspar de Losada e Quiroga chegou a ser chantre da igrexa parroquial de Vilafranca e Arzebispo de Toledo. Tamén os desta liñaxe fixeron moitos favores ó rei Felipe II.
  voltar ó índice
Escudo dos Nogueira
    Pero aínda quedan familias dignas de ser mencionadas nesta obra, aínda que a súa importancia foi menor. Comezaremos polos Nogueiras cuxo primitivo solar estaba sito na Torre de Milleirós. Algún autor comenta que proceden dos Méndez de Nogueira de Miño; na súa pedra de armas aparece recollida unha nogueira da cal tomaron o nome. Os Reinosos tiñan solar na Torre de Buciños e portaban por escudo de armas unha cruz a modo de venera en campo branco. Dos Pérez dise que descenden de don Vasco Pérez de Temes, levando como estes últimos no seu escudo o signo do Tau. Hai quen asegura que esta saga tivo solar na comarca da Limia e que levaba por armas unha estrela con dez puntas en fondo azul.

Armas dos Reinoso
Armas dos Taboada
    Tamén Cómpre citar ós Lobelles , de posible orixe romana tiveron unha ampla e antiga traxectoria como cabaleiros de Galicia. Cederon o seu nome á vila en que habitaban tendo o seu solar na Torre de Vilaquinte. Descendentes segundo se cre do romano Lobilo, usaban por armas dous lobos. Para rematar co tema das nobres liñaxes da comarca non nos podemos esquecer dos Taboada ,dos que xa se comentaron diversos aspectos no apartado referente ó Castro Candaz. A súa fortaleza está situada na parroquia de San Pedro de Bembibre (termo municipal de Taboada), a carón da igrexa parroquial de talla románica. Na actualidade atópase restaurada na súa totalidade; sabemos que á mesma foi residencia dos Taboada dende o ano 1413 xa que a súa antiga morada, sita como xa se dixo no cumio do Castro Candaz, foi derruída nas invasións normandas.







  Artigos relacionados
 
     :. Gran Capitán. Gonzalo Fernández de Córdoba
       (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Fernando III (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Ramiro I (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Witiza I (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Don Pelayo (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Ramiro II (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Alfonso III (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Alfonso VI (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Alfonso XI (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Fruela I (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Batalla de las Navas de Tolosa
       
Wikipedia
     :. Felipe II (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)



web desenrolada por novodesenho créditos