|
|
Igrexa de S. Miguel do Monte |
|
6.7. San Miguel do Monte
Pequena igrexa sita na freguesía do mesmo nome e que conserva partes de extraordinario valor artístico. A primeira proba documental do templo sitúase no ano de 1240. Diversos codios do século XIII reflicten a citada parroquia de San Miguel do Monte; nos mesmos recóllense unha serie de vendas de casais por parte de diversos veciños ó
Mosteiro de Oseira, abadía á que San Miguel do monte estaba vinculada. Sobre o titular desta igrexa, argumentar que existen diversos estudios que afirman que o culto a San Miguel foi establecido en Galicia con anterioridade ó século XI. Deste dato pódese inferir que antes da actual igrexa románica (século XII) existiu no lugar outra de maior antigüidade. A edificación está sita a carón do camiño real que ía de Chantada a terras de Camba, moi preto da serra do Faro.
|
|
Porta Sur de S. Miguel do Monte |
|
|
|
|
Representación dun músico
nun canzorro |
|
Tense constancia que da obra románica tan só queda o corpo da nave que posúe teitume de madeira a dúas augas. A peculiaridade desta edificación reside no muro sur da nave. O mesmo presenta unha porta enmarcada por un arco de medio punto con dúas arquivoltas de baquetón. As columnas que sustentan o mencionado arco son dunha soa orde con capiteis con grifóns e bases ocultas. Todo o conxunto engloba baixo de si unha pequena xoia románica sita no tímpano. O mesmo presenta a dúas figuras tocando cadanseu instrumento musical amais dunha danzarina que baila ó son da música interpretada polos seus acompañantes. Os canzorros deste muro son todos historiados; algún deles fai referencia a situacións cotiás en ton metafórico, aspecto tamén observable noutras igrexas da comarca. Deste xeito podemos ollar figuras que representan a fame, a fartura ou a sede. Tamén se pode admirar a outro músico tocando un instrumento. Os canzorros do muro norte son xeométricos exceptuando un que aparece historiado. Polo demais, sábese que a ábsida que hoxe vemos e posterior no tempo, pensándose que a primitiva tivo tramo rectangular e cabeceira en semicírculo a tenor da configuración actual da capela maior con testeiro semicircular.Neste templo tamén se localizaron restos de pinturas que parecen estar datadas no século XV. A pía bautismal e dúas de auga bendita que se localizan no interior da edificación, parecen ser da época fundacional da igrexa. Diversas laudas sepulcrais do atrio poden provir de sepulturas prerrománicas.
|
 |
|
|
Igrexa de Sta. Mª de Bermún |
 |
|
Porta Principal |
|
6.8. Santa Mª de Bermún
Estamos diante doutro dos múltiples exemplos de arquitectura románica no concello de Chantada. Igrexa sita na freguesía do mesmo nome posúe ampla significación artística e histórica. Temos constancia de que o seu nome primitivo foi “Beremundus”, termo que se cre provinte do visigótico. Co transcorrer dos anos pasou a denominarse “Bermudus” evolucionando con posterioridade cara “Bermuy”, topónimo co que aparece citada nun codio datado no ano 1223. En canto á titular desta freguesía argumentar que a mesma sufriu unha precoz cristianización nos escuros anos da Alta Idade Media. En termos históricos subliñar que esta edificación pertenceu, ata época bastante recente, ó arciprestado de Castro Bermún aínda que un reaxuste rexional agregouna ó de Navego; con este feito o nome do arciprestado foi trocado polo de Castro Carballedo.
Agás a parte superior do frontis, que presenta diversas modificacións, esta igrexa ten traza totalmente románica. Dunha soa nave, presenta teitume de madeira a dúas augas reforzada a tella exterior por unha estrutura de uralita sen ningún tino artístico. No interior, podemos observar como o pavimento se atopa lixeiramente máis elevado que o primitivo; este feito referéndase ó ollar as bases do arco triunfal que se atopan un pouco soterradas. Dito arco presenta columnas adosadas nunha orde amais de diversos capiteis historiados; destaca un deles que recolle a figura de Sansón loitando contra uns leóns. A ábsida, de sección rectangular, tamén presenta unha teitume de madeira a dúas augas e ten unha sancristía adosada ó alzado norte. Neste lugar atópase un pequeno tesouro; falo dunha cruz antefixia que descansa sobre un “Agnus Dei” cuxo emprazamento orixinal foi o testeiro da ábsida.
|
|
Tímpano de Sta. Mª de Bermún |
|
|
Detalle dun capitel |
|
A maior xoia artística de Santa María de Bermún esta sita no tímpano da porta central de acceso ó templo que, a diferenza do habitual, está formado por tres pezas. O mesmo recolle a figura dun neno que presenta unha cabeza desproporcionada en relación co seu corpo; á súa esquerda sitúase un cordeiro ergueito sobre as súas catro patas e á dereita un entrelazo esquemático. Esta decoración máis que esculpida aparenta estar incisa. Todo este conxunto aparece enmarcado por un arco que descansa sobre columnas apoiadas nunha soa orde. As mesmas presentan uns capiteis de cuadrúpedes e follas con cabeza humana.En canto a datación dicir que Ángel Castillo sitúa este templo na segunda metade do século XII aínda que as afinidades que esta igrexa ten ca obra do mestre Pelagio, que Izquierdo Perrín sitúa nos capiteis do arco triunfal, levan a situar esta obra nos derradeiros anos do século XII.