Actual, Concello, Novas|

O Concello colabora un ano máis coa organización e anima á participación respectando os viñedos e as normas de seguridade

O Parque Eloísa Rivadulla acollía esta mañá a presentación da 50 Subida a Chantada que se desenvolverá entre o 26 e o 28 deste mes. Do acto de presentación participaron Alfonso Viana, presidente do comité organizador; Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo; Manuel Diéguez, tenente de alcalde de Chantada, en representación do alcalde, Manuel Lorenzo Varela; Diego Otero, concelleiro de Parques e Xardíns, e a concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro; ademais da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; do Director Territorial de Vivienda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Marco Antonio Fernández Piñeiro; a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto e o deputado de Mocidade, Daniel García.

O Concello de Chantada, que colabora coa Subida desde os inicios, destaca a importancia desta proba e a súa repercusión tanto para Chantada coma na contorna, “Para Chantada é un evento dos principais do ano, xuntamente coa Feira do Viño, coas Festas Patronais, Folión de Carros,… A Subida a Chantada é un clásico que todos os veráns nos trae alegría e economía ao municipio e á contorna para dar cabida a tanta xente”, sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.  

Neste 50 aniversario o alcalde lembra os inicios, “Chegamos ás vodas de ouro desta competición e grazas á miña idade lembro todos os anos da Subida. Na mocidade marchabas para a ribeira e estabas preparado para ver a Subida desde primeira hora da mañá. Os primeiros anos sempre son especiais, agora resulta entrañable mirar cara atrás porque daquelas era excepcional. Aquela estrada vella na que non había aínda o carril rápido e participaban xa corredores de toda índole e de moitos lugares, pero de Chantada moitos, que tiñan bo coche e subían de marabilla pola estrada arriba”.

A concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro, destaca a beleza do circuíto con vistas aos viñedos da viticultura heroica e fai un chamamento a respectar os viñedos e as directrices de seguridade, “Celebrar 50 anos é un éxito e mostra unha proba moi consolidada que se mantén no tempo. Felicitar á organización, o concello sempre colaborará con este tipo de iniciativas deportivas, nas que ademais temos de balcóns os viñedos de Chantada. Animo á xente a que veña desfrutar coa proba e que se respecten os viñedos e as directrices da organización sobre seguridade para non ter incidencias”.

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o parque pechado situarase na rúa Xoán XXIII polo que quedará pechada ao tráfico desde media mañá do venres, 26 de xullo. A “Cerimonia de Saída“, na que se presentarán os 77 participantes, será o memo venres, ás 20:30h na Praza de Galicia, polo que quedará prohibido estacionar na Avda. de Monforte desde a media tarde do venres ata as 22:00h, hora prevista de finalización da ceremonia de saída.

Ademais coma tódolos anos, cortarase ao tráfico, a estrada na que se desenvolve a proba, LU C-533. O sábado, 27 de xullo, desde as 10:00h. ata a finalización dos adestramentos, a última hora da tarde; e o domingo, 28 de xullo, a partir das 7:30h. ata as 15:00h. aproximadamente, dependendo do desenvolvemento da carreira. Habilítase desvío alternativo, que estará oportunamente sinalizado, pola estrada CP – 1811 a través do encoro de Belesar.

Toda a información da Subida neste enlace

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca