Actual, Concello, Novas|

A zona de xogos do parque péchase desde este luns por reformas e ampliación

O Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro VIII, que forma a unha vintena de alumnas/os dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada; nos módulos de Xardinaría, Albanelaría e Atención Sanitaria; segue mellorando o Parque Eloísa Rivadulla co módulo de xadinaría.

En abril deste ano co módulo de albanelaría mellorouse a accesibilidade e habilitáronse novos baños públicos neste parque no que o alumnado de xardinaría comezaba a dotación dunha zona verde axardinada con árbores e bancos. Para a seguridade das/os usuarias/os durante o tempo que duraron as obras eliminouse o estacionamento, habilitando un parking público próximo.

“Seguimos apostando polo verde, pola rexeneración e plantación de novas árbores e por crear novas zonas de lecer”, destaca o alcalde, Manuel Lorenzo Varela. “Para o Concello de Chantada é un orgullo contar cunha zona como este parque ou o paseo fluvial. No Eloísa Rivadulla contamos coas Pistas de Tenis, a Gardaría Municipal e outras instalacións municipais, con todo quérese humanizar este espazo verde e dar servizos para a veciñanza”.

Así o módulo de xardinaría do Obradoiro de Emprego, plantou no parque árbores e plantas, fixéronse pasais de formigón para protexer o céspede, colocáronse papeleiras e modificouse o sistema de rego da zona alta.

Ademais destas actuacións no Parque Eloísa Rivadulla, o módulo de xardinaría no que se forman 7 persoas, mellorou outros espazos como unha pequena zona na Avda. de Lugo en confluencia coa rúa Ramón y Cajal. “Aquí había unha esquina abandonada que se humanizou. Quixemos manter as escaleiras e poñer unha plataforma con arbustos e plantas”, explica Diego Otero, concelleiro de Parques e Xardíns.

Outras zonas verdes nas que se fixeron traballos de mantemento e mellora foron:

  • Campo do San Lucas
  • Contorna do Pavillón Municipal
  • Praza de Galicia
  • Pequena zona verde integrada na Avda. de Ourense
  • Zonas verdes da Avda. de Monforte
  • Pequena zona verde anexa á rúa Emilia Pardo Bazán
  • Paseo fluvial do río Asma que integra ademais do propio percorrido, tres zonas: contorna do campo de fútbol do Sagoñedo, contorna das Piscinas Municipais e Parque da Alameda.
  • Viveiro Municipal coa reprodución de plantas mediante bacelos e a súa conservación para posterior plantación.

A zona de xogos do Parque Eloísa Rivadulla péchase 5 semanas por reformas e ampliación

Coa posta en marcha da zona axardinada do Parque Eloísa Rivadulla, este luns, 15 de xullo, péchase a zona de xogos. A ampliación e mellora deste Parque Infantil supón un investimento de 48.400€, dos que o 70% subvencíonaos a Xunta de Galicia a través da mellora de infraestruturas. Esta zona permanecerá pechada por 5 semanas e espérase abrila de novo para as Festas Patronais, “É unha mágoa ter que pechar esta zona de xogos agora, pero as subvencións veñen cando veñen. Este Parque Infantil era o único que quedaba por remodelar na capitalidade municipal, así que para as Festas este espazo estará preparado para lucir a súa mellor cara”, explica Manuel Lorenzo Varela.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca