Actual, Concello, Novas|

Un dos mellores acuarelistas de Galicia expón en Chantada

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 31 deste mes unha exposición do pintor e acuarelista, Javier V. Guillot. A mostra pode visitarse de luns a venres en horario de 9:00h. a 15:00h. e de 16:00h. a 18:00h. Os sábados, domingos e festivos o horario de visita é de 10:00h. a 14:00h.

A obra de Guillot xa estivo no Auditorio Municipal de Chantada no 2020 e recentemente no Casino Ateneo. Nesta ocasión atopámonos con 24 pezas onde predominan os peregrinos, “pareceume ideal traer parte dos seus peregrinos á Casa da Cultura pola que que pasa o Camiño de Inverno a Santiago”, asegura Esperanza Cota, viúva do artista que desde hai anos vive en Chantada.

Javier V. Guillot está considerado coma un dos mellores acuarelistas de Galicia e dos primeiros de Europa. Na Casa da Cultura de Chantada pódese gozar das distintas facetas da obra do artista, óleo, acuarela, debuxo, técnica mixta,… “O colorido de Guillot é rico e variado e sempre mantido dentro da tónica da delicadeza máis lixeira e sutil e gaña baixo os efectos dunha certeiramente estudada luz, xogando maxistralmente co grato absterse, respectar os brancos que a difícil técnica da acuarela esixe nesta arte mental de previsión”, apuntou José Trapero Pardo, que fora cronista oficial de Lugo, membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e da Real Academia Galega.

Aínda que cultivou practicamente todas as técnicas de pintura, Varela Guillot é fundamentalmente un consumado acuarelista, cun estilo propio e inconfundible, aínda que os seus debuxos ao pastel son tamén dunha calidade extraordinaria. Ten unha enorme produción pictórica e a súa obra atópase repartida por todo o mundo, tanto en coleccións particulares como en diversos organismos oficiais, recibindo sempre eloxios da crítica e o favor do público. As obras que están a exposición na Casa da Cultura de Chantada pódense adquirir por prezos que oscilan entre os 300-400€ e os 5.000€.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca