Actual, Concello, Novas|

Amplia e variada programación no Verán Cultural do Concello de Chantada

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Cultura, organiza unha ampla programación cultural para este verán, así durante xullo e agosto desenvolveranse máis dunha vintena de propostas baixo o título Verán Cultural 2024.

A Praza do Cantón será o centro das actividades que inclúen espectáculos de maxia, cine, teatro, música, circo, espectáculos infantís e outras propostas entre as que destacan as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que se desenvolverán entre o 22 e o 27 de agosto.

As actividades culturais na Praza do Cantón comezarán ás 20:00h. A primeira cita será o 4 de xullo co espectáculo de marionetas Chef e Chof. O día 9 de xullo terá lugar o espectáculo de circo e música, Comediante. O 11 de xullo a cita será co teatro, “Os marcos da vida”. A maxia chegará o 13 de xullo da man do Mago Antón que ofrecerá varias funcións. Un día despois, o 14 de xullo contarase co espectáculo de comedia, “Odaiko Familiar”. E o 16 de xullo o Mago Paco achegará o seu espectáculo de maxia infantil.

A programación do mes de xullo completarase coa obra teatral, A utópica rodante, que se representará o día 18 de xullo. O día 20 haberá un espectáculo de acrobacias con “Harmonía no aire”. O día 23 a cita será cos malabares de Eu Clown e o 30 de xullo proposta para o público infantil con “Ciencia Máxica”. Ademais o 19 de xullo contarase no Auditorio Municipal, co concerto de “Iberia Marimba Ensemble”.

A programación do Verán Cultural abrirase en agosto o día 1. Nesa xornada haberá obradoiro de xogos infantís na Piscina Muncipal desde as 18:00h. O resto de actividades desenvolveranse na Praza do Cantón comezando o 3 de agosto co show infantil de Circo Mentura. O 6 de agosto a cita será con “A maxia do verán” e o 8 de agosto co teatro musical, “Canta xoga”. Tamén na Praza do Cantón, pero neste caso a partir das 21:00h., terá lugar Noites á luz da lúa coa Banda de Música de Chantada.

Do 12 ao 16 de agosto celebrarase a Semana de Cine e do 19 ao 21 a Semana de Teatro. “Estas dúas propostas de cine e de teatro están consolidadas na programación cultural do verán en Chantada con máis de 30 edicións en cada unha das celebracións. Reúnen cada ano a familias e grupos de amigos de distintas idades que gozan así de varios días de cultura na rúa, como prólogo ás Festas Patronais”, destaca o Concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

Tamén antes das Festas Patronais terá lugar o show infantil Circo Tour. A cita segue sendo na Praza do Cantón ás 20:00h, neste caso do día 17 de agosto. Despois das Festas Patronais que se celebran entre o 22 e o 27 de agosto, queda unha última cita cultural, o 31 de agosto actuará a Agrupación Artística Bohemios.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, confía no bo ambiente que esta programación deixará nas rúas da vila, “Tentamos ofrecer unha programación para todos os públicos, especialmente pensada para pasar en familia; propostas de lecer que inclúen música, humor, maxia, teatro,…para despedir as xornadas de verán nese espazo de reunión que é a Praza do Cantón. En xullo temos moita xente en Chantada e en agosto aínda máis coas nosas Festas e eses amigos que non dubidan en regresar a Chantada durante esta tempada. Para os de aquí e os que nos visitan preparamos esta completa oferta cultural”.

Esta programación cultural está aberta a ampliacións con propostas que poidan xurdir durante as próximas semanas.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca