Actual, Concello, Novas|

O cartel desta edición elaborarase facendo un mural con algunha das imaxes da exposición

A Asociación Cultural Amigos do Folión puxo en marcha unha iniciativa para divulgar o valor cultural do Folión de Carros entre os máis novos. Neste primeiro ano a proposta desenvolveuse co alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria no CEIP Xoán de Requeixo.

Rapazas e rapaces deste centro de ensino elaboraron carteis nos que tiñan que recoller algún dos símbolos principais do Folión de Carros, como o carro tradicional, a xugada de vacas/bois, os/as carroceiros/as ou as representacións alegóricas de oficios agrícolas tradicionais da comarca de Chantada. Finalmente elaboráronse 45 deseños en formato A3 que agora forman parte dunha exposición que pode visitarse na casa da cultura de Chantada ata o 28 deste mes de xuño.

Este luns pola mañá todas as nenas e nenos que presentaron os seus debuxos recibiron un agasallo e un diploma por parte da Asociación Cultural Amigos do Folión nun acto organizado na Casa da Cultura de Chantada.

“Tentamos crear un espazo de expresión das nenas e dos nenos ao tempo que buscamos a súa integración nunha das celebracións máis importantes de Chantada. Agora coa exposición temos a oportunidade de ensinar que as creacións das nenas e nenos teñen tanta validez artística e cultural como as dos maiores”, destacan desde a Asociación Cultural Amigos do Folión.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, felicita a iniciativa e a aportación feita polo alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Xoán de Requeixo, “A exposición permítenos coñecer a visión que nos ofrecen as nenas e nenos sobre o noso Folión de Carros. Danos a posibilidade de ver como imaxinan e sinten unha das nosas maiores celebracións. Ao facer partícipe á xente maís nova poden implicarse máis no seu mantemento e conservación.”

O cartel desta edición do Folión de Carros elaborarase facendo un mural con algunhas das imaxes creadas polo alumnado e que forman parte da exposición. En anos sucesivos a intención é seguir coa proposta nos outros centros de ensino do concello de Chantada.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca