Actual, Concello, Novas|

Diverxuño e en xullo campamentos de verán

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada programa un amplo calendario de actividades para nenos e nenas durante a última semana de xuño e todo o mes de xullo, ademais para agosto prepárase unha proposta novidosa de competencias dixitais.

Tanto o Diverxuño como os Campamentos de Verán están destinados a nenos e nenas nados/as entre 2012 e 2020, é dicir, que teñen entre 4 e 12 anos. O horario será de 10:00h. a 14:00h. coa opción de servizo de madrugadores, de 8:00 a 10:00, tanto para o Diverxuño como para os Campamentos de Verán, desenvolvéndose námbolos dous casos no CEIP Xoán de Requeixo.

Tamén námbolos dous casos as inscricións faranse na recepción de Servizos Sociais no Edificio Multiusos ata o 19 de xuño.

Coa proposta Diverxuño contarase con obradoiros do 24 deste mes ao 28, actividades que incluirán cuestións de perspectiva de xénero tódolos días e alternativas de lecer novidosas con propostas diferentes en cada xornada:

  • O luns, 24 de xuño, terán lugar os obradoiros de San Xoán, contando co escape Room de San Xoán, “Atopa a intrusa”; actividades sensoriais de bolsas aromáticas e xogos de presentación e dinámicas
  • O martes, 25 de xuño, leva por nome Cientific@s tol@s, con xogos cooperativos e experimentos divertidos.
  • O mércores, 26 de xuño, desenvólvese a proposta Rockstars, con xogos cooperativos, elaboración de instrumentos con materias de refugallo, decoración de Rock, “As mulleres do Rock”, ademais dun concerto grupal.
  • O xoves, 21 de xuño, a cita é con Eco-inventores/as, propoñendo xogos cooperativos, desafíos de construción sostible, “As 10 mulleres inventoras para recordar”, e actividades inspiradas nos debuxos animados: Wall-E, La Familia Robinson.
  • O punto e final ao Diverxuño farase o venres 28 coa Festa das Cores (festa holi), co que desenvolverán xogos cooperativos, Pos holi caseiros, Busca do tesouro colorida, mandalas de cores, “O arco da vella da igualdade”.

“O Diverxuño incorporámolo recentemente á nosa programación de lecer infantil para o verán, sumándoo aos campamentos de verán cos que xa levamos máis dunha ducia de anos. Con todo pretendemos favorecer a conciliación e fomentar a corresponsabilidade na tempada de verán en que rapaces e rapazas non teñen que acudir ás aulas”, como explica Pamela Fernández, concelleira de Igualdade en Chantada.

Todas as actividades son gratuítas. Os Campamentos de verán organízanse por quincenas e desenvolveranse do 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31. Cada ano participan destes campamementos uns 200 nenos/as por quincena.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destaca o éxito destas actividades ano tras ano e adianta novidades para este mes de agosto, “Cada ano melloramos e ampliamos estas actividades que protagonizan o tempo de lecer de nenos/as e mozas/os durante os meses de verán en Chantada. Aos campamentos sumamos o Diverxuño e este ano programamos para agosto uns talleres de competencias dixitais destinados a idades de 9 a 17 anos”.

“Cada ano temos máis propostas e todas son gratuítas, polo que animo a toda a mocidade a que participe destas alternativas que axudan á conciliación das familias e fomentan o coñecemento e adquisición de novas habilidades na xuventude”, conclúe o rexedor local.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca