Actual, Concello, Novas|

Este 8 de xuño no Pazo de Sabadelle

O Pazo de Sabadelle acolle este 8 de xuño a partir das 20:30h. a inauguración da exposición, “O tempo que ficou no olvido”, que conta coa colaboración do Concello de Chantada. Con esta frase sacada dun texto do escritor galego, Antón Avilés de Taramancos, dáselle nome a unha mostra que pretende recordar o tempo deses artesáns que facían que a vida da xente fora máis cómoda. Así, a mostra está dedicada aos artesáns e aos oficios que había na aldea de Sabadelle: comadroa, cesteiro, ferreiro, capador, alambiqueiro, zoqueiro…

Esta cita multicultural reunirá á artista e performance, Helena Salgueiro, aos pintores Lomarti e Xoán Guerreiro, ao escultor Tino Canicoba, a Mercedes V. Saavedra e a súa proposta de etnografía de mulleres, á Premio Nacional de Poesía, Olga Novo; á música, Carolina Rubirosa e á ourive de Compostela, Susi Gesto.

Precisamente Susi Gesto desenvolveu na Casa do Losada en Sabadelle o obradoiro “Virxe do Faro” para a elaboración dunha xoia para a Virxe do Faro. Do obradoiro do que participaron 25 persoas de toda Galicia resultaron dúas xoias, unha para a Virxe do Faro e outra para a filla. Colaborou da iniciativa o Concello de Chantada, o Bispado de Lugo e a Fundación Pública da Artesanía de Galicia. Desde o Concello destácase a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que “poñen en valor o patrimonio e dignifican os nosos costumes e tradicións”, como asegura o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

O obradoiro forma parte da exposición que o sábado se inaugura polo que o día 8 presentaranse estas pezas de xoiaría ao público. Despois da presentación, o Concello de Chantada farase cargo das xoias para entregarllas á Virxe, coincidindo coa romaría na súa honra.   

A mostra, “O tempo que ficou no olvido”, estará inaugurada polo director do Ecomuseo Pazo de Arxeriz, José Antonio Quiroga, e permanecerá aberta ata o 30 de setembro. O Pazo de Sabadelle leva 15 anos con este tipo de propostas que pretenden acercarlle á poboación a cultura e artesanía que se fai en Galicia, polo que a mostra se abre á visita de centros de ensino e outros colectivos.

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca