Actual, Concello, Novas|

O prazo para inscribirse está aberto ata o 17 de xuño

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Parques e Xardíns, convoca o primeiro Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns.

Con este concurso preténdese poñer en valor os beneficios estético-ambientais das fachadas e balcóns como elementos vivos da vila. Incentívase así a participación cidadá na mellora da calidade ambiental e na mellora da relación veciño-entorno urbano.

Desde hai seis anos o Concello de Chantada participa no certame de Vilas en Flor, onde leva acadadas catro flores de honra. “Formamos parte dos concellos que acadan as maiores puntuacións, por iso, con este concurso pretendemos dar un novo pulo para mellorar a imaxe da nosa vila cun enfoque no que participen de primeira man os cidadáns”, destaca o concelleiro de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Diego Otero.

Poderán participar no concurso as vivendas susceptibles de ser decoradas en todo o termo municipal de Chantada. O prazo para inscribirse está aberto ata o 17 de xuño. No momento da inscrición facilitarase un distintivo, que deberán mostrar nun lugar visible desde a vía pública, mantendo a montaxe decorativa ata o 31 de agosto.

Os elementos utilizados para a ornamentación déixanse a libre elección, sempre respectando beirarrúas e entradas a viviendas doutros veciños. A porcentaxe de plantas con flor será como mínimo do 20% e un máximo do 80% dos elementos presentes na decoración. Todo elemento colgado deberá estar debidamente suxeito á estrutura do balcón, sen que a súa colocación poña en risco a seguridade. Ante calquera accidente sería responsable a persoa inscrita no concurso.

Na primeira semana de xullo de 2024, todas as localizacións participantes deberán estar preparadas para que poidan ser fotografadas. O xurado visitará todas as localizacións participantes durante a última semana de xullo.

A composición do xurado, designado polo Concello, será predominantemente técnica, estando integrado principalmente por persoas especialistas en xardinaría ou embelecemento urbano. Este xurado valorará os seguientes criterios:

  • Orixinalidade e creatividade da composición: Valoración de 0-5
  • Laboriosidade: Valoración de 0-5
  • Uso de materiais reutilizados e ornamentación non floral: Valoración de 0-5
  • Naturalidade (Variedade das plantas utilizadas): Valoración de 0-5
  • Colorido: Valoración de 0-10
  • Perdurabilidade: Valoración de 0-10
  • Calidade ornamental (harmonía e deseño): Valoración de 0-10

Para este concurso de mellora ornamental da vila de Chantada repártense 1050,00€ en premios, distribuídos do seguinte modo:

  • 1º premio: 350,00 €
  • 2º premio: 250,00 €
  • 3º premio: 200,00 €
  • 4º premio:150,00 €
  • 5º premio:100,00 €

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca