Actual, Concello, Novas|

O 7 de Xullo no pavillón do colexio Eloísa Rivadulla

O Concello de Chantada prepara a súa I Festa Interxeracional, unha cita de confraternidade que pretende ser encontro familiar, punto de reunión de nais/pais, fillas/os, avoas/avós,…e que nace coa vontade de manterse en vindeiros anos. Principalmente unha homenaxe aos maiores e posta en valor do papel que xogan na sociedade e nas nosas vidas.

A Festa terá lugar o 7 de xullo no pavillón do colexio Eloisa Rivadulla. Escóllese esta ubicación porque reúne as mellores condicións en canto a capacidade, facilidade de acceso, comodidade, seguridade e polas facilidades para ter unha temperatura axeitada durante a celebración.

Para participar da Festa é necesario adquirir as entradas antes do 4 de xullo. O prezo da entrada é de 15€, para nenos/as de 6 a 12 anos serán 7,5€ e os menores de 6 anos terán entrada gratuíta. As entradas pódense retirar na recepción de servizos sociais no Edificio Multiusos e en tesourería na Casa Consistorial. O aforo do pavillón ronda as 700 persoas, polo que non haberá máis entradas que esas.

“É un día para pasalo ben cos familiares de todas as idades. Os máis novos xa tiveron a súa Festa da Xuventude, pero poden repetir vindo cos avós e avoas, cos pais e nais. Coller o coche desde a aldea e vir todos á festa, acudir en familia paseando por Chantada. É un día de festa, podemos pasar un día extraordinario”, asegura o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

A Festa seguirá o seguinte programa:

  • 13:00h. Misa solemne
  • 13:30h. Cóctel benvida
  • 14:30h. Xantar popular
  • 18:00h. Sesión de baile
  • 19:00h. Sorteo de viaxes e agasallos

O alcalde anima a participar insistindo no carácter interxeracional da cita, “Queremos que sexa unha homenaxe aos nosos maiores, visualizar a importancia que teñen na sociedade como transmisores de coñecemento e sabedoría e como piares da familia; de aí a importancia de que ese día veñan acompañados/as. Un día para ver á familia, que esperamos compartir con persoas de todas as idades chegadas de todas as parroquias do municipio.”

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca