Actual, Concello, Novas|

Cultura e igualdade en Chantada

Os días 24 e 25 de maio celébrase a II edición do Festival Polas Bravas. Cita que organiza a asociación feminista Polamiúda de Chantada coa colaboración do Concello de Chantada, do tecido empresarial e do pequeno comercio local, e da Deputación Provincial.

A programación de Polas Bravas inclúe actividades de balde con música de diferentes estilos, teatro centrado na música da tradición oral, poesía, circo, humor, teatro. Múltiples expresións culturais vangardistas e propostas de igualdade desenvoltas por mulleres e accesibles a todas as idades.

O festival dará comezo na noite do venres 24, ás 22.00 na terraza do establecemento AdaRosa, coa actuación do grupo de música local As Blas Femias. No mesmo espazo ás 23.00h. contarase co monólogo cómico de Diana Sieira, ‘Conexións Có(s)micas’. Para rematar esta primeira xornada contarase coa DJ pontevedresa Beti de la Church.

O sábado ás 12:30h. no parque Eloísa Rivadulla representarase “A vida tola de Pajarito”, da man da compañía de circo, Pistacatro. Ás 13:30 h. actuará o Coro de veciñas bravas, dirixidas por María Montenegro. A música da artista galega 𝐌𝐨𝐮𝐧𝐐𝐮𝐩, tamén coñecida como 𝐂𝐚𝐦𝐢𝐥𝐥𝐞 𝐇𝐞𝐝𝐨𝐮𝐢𝐧, amenizará a sesión vermú para a que se conta con bar e posto de comida. Ás 15.00h. será a quenda de Andrea Nunes & Gael cunha sesión de poesía e música.

A tarde comezará coa música de Marián a partir das 16:00h e ás 18.00h. no Auditorio Municipal actuará a compañía Chévere que representará ‘As fillas bravas e o mito de Cassandra’. A función contará con interpretación en lingua de signos e ofrecerase servizo de animación e coidados para nenas/nos no mesmo auditorio durante a representación.

“Desde o Concello de Chantada facilitamos os escenarios nos que se desenvolverán a diferentes actuacións e facemos posible poder contar con actividades como a representación teatral do sábado. O noso obxectivo, axudar ás popostas que dinamicen a nosa vila e fomenten a igualdade e a integración”, sinala Pamela Fernández, concelleira de Igualdade.

 

A partir das 20.00h Bandidas, ensemble de vento madeira, actuará no Parque Eloísa Rivadulla. Esta formación de mulleres da Banda de Música de Chantada nace expresamente para o actuar no Festival. Pouco despois actuará a cantante Nadie González, para as 21:45 ter o concerto do dúo Caamaño & Ameixeiras, (acordeón cromático e violín e voz).

A partir das 23:15h. actuarán O Rabelo e Nenaza, mestura de estilos e artes escénicas para reivindicar a feminidade. Do punto e final a esta segunda edición do festival encargarase partir das 00.30h. EmeDJ.

Desde o Concello de Chantada convídase a participar do Festival, “Polas Bravas é unha iniciativa pioneira no sur de Lugo e incluso na provincia, que o ano pasado tivo unha grande repercusión. Animamos a participar dos contidos culturais alternativos que fomentan a igualdade e que axudan a dinamizar a cultura e o lecer na vila, algo no que vimos centrando esforzos nos últimos anos”, remata Pamela Fernández.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca