mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
 
Instituto Galego de Estatística
 
Instituto Nacional de Estadística
 
 
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
    12.1. Sobre as pegadas do xornalismo chantadino
    12.2. Apuntes da intrahistoria
    12.3. Os derradeiros retazos do xornalismo local
    12.4. Chantada e as guerrillas antifranquistas
    12.5. Aspectos xerais da Chantada de hoxe
    12.6. Demografía: fonte histórica
    12.7. Criterios económicos
    12.8. A sociedade contemporánea
  13. Algunhas personaxes ilustres
ampliar
O Monte Faro nevado
ampliar
Paisaxe de ribeira
12.5. Aspectos xerais da Chantada de hoxe
  O concello de Chantada é na actualidade un tranquilo e apracible lugar no que residen preto de dez mil persoas cuxa densidade poboacional está (datos do ano 2002) nos 54,4 habitantes por quilómetro cadrado.
Situado xeograficamente no interior de Galicia posúe unha extensión de 176,7 quilómetros cadrados limitando ó Norte co termo municipal de Taboada, ó Leste co de O Saviñao, ó Sur con Carballedo e ó Norte coa provincia de Pontevedra. Na súa xeografía pódense apreciar tres unidades morfolóxicas claramente diferenciadas: ó Oeste a serra do Faro (cunha disposición Norte-Sur e cuxo punto de maior altitude se atopa a 1.187 m . sobre o nivel do mar), ó Leste a Ribeira Sacra, pola que discorre o río Miño debuxando vales encaixados de fortes pendentes e desniveis e, no centro, a chaira que ocupa a maior parte da extensión do municipio. A día de hoxe o número de freguesías que compoñen o concello chantadino ascende a un total de 36, entendemos como tal a propia vila de Chantada, ir á información das paroquias [+]; son as seguintes: Santa Baia de Adá, San Vicente da Grade, Santa María de Arcos, San Vicente de Argozón, Santiago da Riba, San Fiz de Asma, San Salvador de Asma (popularmente denominada como O Convento por estar nela o mosteiro de maior relevancia histórica da comarca), Santa Uxía de Asma, San Xurxo de Asma (popularmente coñecida como Centulle, nome que provén do seu maior núcleo poboacional sito a escasos metros da vila de Chantada), San Bertomeu de Belesar, Santa María de Bermún, San Salvador de Brigos (hai historiadores que sosteñen que o seu nome provén do pobo brigancio), Santa María de Camporramiro (célebre pola batalla que alí se dí que se librou contra dos invasores normandos), Santa María de Chantada (da que forma parte a capital municipal), Santa Mariña de Esmeriz, San Xián de Esmoriz, San Cristovo de Fornas (próxima a Chantada e de moita sona por atoparse na mesma unhas sepulturas antropomorfas), San Xoán de Laxe (freguesía que xunto ó Convento posúe o maior número de habitantes do concello), San Pedro de Líncora, San Martiño de Mariz, San Xián de Mato, Santo Tomé de Merlán, San Miguel do Monte, San Cristovo de Mouricios, San Paio de Muradelle, Santa María de Nogueira de Miño (zona de nobres caldos), Santa Baia de Pedrafita (onde se atopa o Castro Candaz), San Mamede de Pereira, Santa María de Pesqueiras (na que reside a súa igrexa, Monumento Nacional paradigma do románico), Santiago de Requeixo (que foi no pasado cabeza da comarca do Navego; a esta parroquia pertence o Monte Faro), Santa María de Sabadelle, San Xoán de Veiga, San Pedro de Viana, Santa Cruz de Viana (aquí descansan os restos do Corpo Santo), San Salvador de Vilaúxe e San Vicente da Sariña. Para rematar con este relatorio salientar que a nosa vila, a parte de ser capital da comarca do mesmo nome (que abrangue os concellos de Carballedo, Taboada e Chantada), é cabeza dun Partido Xudicial que engloba baixo de si a diversos municipios: Carballedo, Taboada, Monterroso, Portomarín, Antas de Ulla, Palas de Rei e, por suposto, Chantada.Unha vez tratados estes aspectos de carácter administrativo, toca referirse a certas características globais que han de proporcionar un mellor coñecemento do municipio, clima, vexetación, hidrografía, etc., serán algúns dos puntos a destacar:
  voltar ó índice
1. O Clima
  Aínda que as características xerais do municipio levan a destacar que o clima de Chantada é claramente oceánico, a variada orografía que presenta o municipio tamén leva a expor a existencia de microclimas no mesmo. A serra do Faro, que actúa a modo de pantalla pluviométrica, posúe características de tempo de montaña; a chaira chantadina ten condicionamentos de clima continental (lixeiro aumento das temperaturas e pouca incidencia das xeadas) mostrándose benigno para agricultura; e a Ribeira Sacra, sita na zona leste do municipio, posúe matices mediterráneos debido a construción do encoro de Belesar que matizou ou suavizou o clima. En canto á temperatura argumentar que é bastante moderada no concello presentando a media un valor de 12,7º C. A máxima rolda os 19,5 grados (valor medio ponderado producido no mes de Agosto) e a mínima os 6,3 (datada no mes de Xaneiro).

O Toxo é moi abundante nos montes do municipio
2. Vexetación
  Antes de citar algún tipo de flora hai que salientar que as accións antrópicas modificaron moita da vexetación existente en Chantada. Proba desto témolo nos piñeirais de repoboación que en diversos lugares, como o monte Faro, substituíron a especies endóxenas do lugar. Isto aconteceu xa que os pinos necesitan de poucos coidados, de solos non especialmente ricos e teñen un rápido crecemento. Típicos da zona son os carballos e os castiñeiros cos característicos soutos. En canto á vexetación baixa argumentar que son bastante frecuentes as xestas cuxo marco xeográfico de maior profusión se localiza na Serra do Faro. O toxo, cos súas distintas especies, tamén é moi abundante no municipio sendo bastante habitual a súa utilización como fertilizante para as terras de labor (aporta nitróxeno).

Xabaríl
3. Fauna
  Dentro das distintas especies faunísticas existentes no concello de Chantada destacan diversas aves de rapina como poden ser o azor ou o gabián. Amais destas, existen no municipio outras aves de menor tamaño moi habituais na súa paisaxe; falamos do pardal, o merlo, o corvo, a cotovía, etc. En canto ós mamíferos son bastante frecuentes os coellos, lebres, xabarís e raposos, atopándose menos estendidos os corzos, lobos, etc. Tamén son habituais diversos réptiles tales como as cobras de río ou os lagartos das silvas. Cómpre non obvia-lo feito de que o monte Faro albergou a comezos do século XIX unha das derradeiras poboacións de osos de Galicia.
  voltar ó índice
Río Asma
Regato Camporramiro
4. Hidrografía
  Se algunha corrente fluvial destaca en Chantada esa é o Miño. Percorre o municipio polo seu borde oriental en dirección Norte-Sur e serve as veces de límite municipal cos concellos de O Saviñao e de Ferreira de Pantón. Toda a rede fluvial do concello, que vai parar ó mesmo sempre pola súa marxe dereita, é dependente deste río. Co devir dos anos modificou grandemente a paisaxe das ribeiras chantadinas caracterizadas por amplos vales encaixonados de fortes pendentes. Non é menos certo, que a transformación definitiva das terras de Chantada veu dada pola construción dos encoros de Belesar e Peares que modificaron o curso natural do río Miño. A segundo canle fluvial en importancia é o Asma de cuxo nome se valeron na antigüidade para designar as terras de Chantada. Nace a carón da serra do Faro e discorre polo municipio recorrendo un total de 25 Km . É moi característico por ser un río moi troiteiro estando acoutado gran parte da súa canle; este coto é de tipo tradicional tendo como límite superior a ponte de Esmoriz (Carballedo) e como límite inferior a presa de captación de augas de Chantada. Ademais disto, é a única canle que atravesa a vila de Chantada feito que se aproveitou para construír a carón del unha complexo de piscinas, parques (Alameda e San Goñedo) e mais un paseo fluvial. A hidrografía chantadina complétase con numerosos ríos de menor caudal tales como o Comezo (principal tributario do Asma), Lama, Enviande, etc.

12.6. Demografía: fonte histórica
  
Dentro da historia como materia didáctica pódese esgrimir que no seu seo se atopan ou se circunscriben multitude de materias de diversa índole. Economía, demografía, ou política son claros exemplos do exposto. E é que a historia non só se compón de batallas ou personaxes ilustres, os contextos compréndese dende perspectivas globais. Deste xeito, servirémonos de criterios demográficos para tentar explicar un pouco do pasado recente de Chantada.Nun primeiro momento farei unha aproximación ó continxente poboacional do municipio nalgunhas das décadas que compuxeron o século XX. No 1910 Chantada, como concello, ten un total de 15.503 habitantes; a partires desta data as cifras comezan a arroxar uns moderados descensos para a demografía do concello testemuñando tal aspecto no ano 1930 no que se contabilizaban un total de 13.541 residentes no municipio do Asma. As seguintes décadas introducen pequenos repuntes na demografía chantadina constatándose tal afirmación na data de 1950, ano no que se volve a superar con creces a barreira dos 14.000 habitantes. Será a partires deste momento cando o declive poboacional se mostre continuo no tempo e só se rachará dita tendencia unha vez cheguen os anos oitenta. A época de maior crise encadrouse cronoloxicamente entre os anos 1960 e 1970; estímase que a perda de habitantes chegou a superar os 3.000 individuos, pasándose de 14.116 persoas a 10.666 en 1970. Neste feito puido influír de xeito evidente o fenómeno migratorio que moitos homes e mulleres de Chantada emprenderon na busca dun futuro mellor. Unha vez superado este feito, o noso concello consigue paliar esta deficiencia alonxándose velozmente da perigosa barreira psicolóxica e administrativa que está sita na cifra dos 10.000 veciños. Exemplo do exposto témolo no ano 1986 cando o número de residentes no municipio ascende un total de 11.186 persoas.
  voltar ó índice
  As cifras demográficos dos derradeiros anos lévanos a reflexionar que en Chantada se produce un notable e progresivo declive demográfico moi común nas sociedades modernas do presente. Entendamos o comentado dende unha perspectiva global xa que no concello se produce un curioso fenómeno que é extensible a moitas ou a maioría das vilas galegas e españolas; referímonos ó despoboamento do entorno rural cuxo continxente demográfico é absorbido en distinta medida, e introduzo tal matiz por diversos datos que serán expostos en breves liñas, polos núcleos urbanos. Temos constancia de que algunhas parroquias chantadinas, nos derradeiros trece anos, teñen deixado polo camiño case que un terzo da súa poboación. O casco urbano absorbeu durante este período parte do que perderon as aldeas, pero non todo. Segundo o último padrón, onde se analiza a poboación por parroquias, no concello residen un total de 9.326 persoas. Se facemos unha comparativa do mesmo co padrón do ano 1991, que é fonte do Instituto Nacional de Estadística e onde se reflexa unha poboación total de 10.148 persoas, ollamos como a perda demográfica é bastante notable. Estímase unha baixada de arredor dos 6,3 puntos porcentuais. Das 36 parroquias que compoñen o municipio do río Asma, según datos de 2004, tan só dúas, San Cristovo de Fornas e Santo Tomé de Merlán, gañan en poboación en vez de perdela; ámbalas dúas atópanse moi preto do casco urbano, feito que pode influír de modo determinante nestas cifras. Outras freguesías que se salvan deste proceso son Santa María de Pesqueiras e San Xoán de Veiga que si ben perden continxente demográfico, fano dun xeito menor que a media de tódalas parroquias. De todas elas, as que posúen un maior número de habitantes son San Salvador de Asma (con 386 habitantes), San Xoán de Laxe (con 266 residentes) e San Fiz de Asma (habitada por 257 persoas). No outro extremo atópanse Santa María de Esmeriz (con 58 habitantes), San Vicente de A Sariña (con 50 residentes) e San Bertomeu de Belesar (con tan só 32 persoas), a menos poboada de todo o municipio.

  Neste intre fagamos referencia ó matiz exposto con anterioridade. Sobre o referente a que parte da poboación que perden as freguesías é absorbida pola capital municipal esgrimir que esto é bastante relativo no noso concello. No período comprendido entre os anos 1991 e 2004 Chantada vila medrou un 5,1% no seu número de habitantes (a día de hoxe (2005) residen nela 4.509 persoas). Pero a este dato temos que engadir o feito de que o Instituto Nacional de Estadística considera como casco urbano a parroquia de San Xurxo de Asma, na que se estima que residen un total de duascentas persoas. Sen dúbida, esta derradeira reflexión introduce un matiz de considerable dimensión. Pero a pesar de todo o comentado, é innegable o peso proporcional da vila no conxunto demográfico do municipio. Non se pode obviar o feito de que Chantada acolle a un 47% da poboación total do concello aínda que este dato nos introduza nun aspecto que dota ó noso concello de certa singularidade: a maioría da xente aínda reside no entorno rural ó contrario do que acontece en moitas cabeceiras de comarca.

  Artigos relacionados
 
     :. Instituto Nacional de Estadística
     :.Instituto Galego de Estatística



web desenrolada por novodesenho créditos