mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
 
Cooperativa ICOS
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
    12.1. Sobre as pegadas do xornalismo chantadino
    12.2. Apuntes da intrahistoria
    12.3. Os derradeiros retazos do xornalismo local
    12.4. Chantada e as guerrillas antifranquistas
    12.5. Aspectos xerais da Chantada de hoxe
    12.6. Demografía: fonte histórica
    12.7. Criterios económicos
    12.8. A sociedade contemporánea
  13. Algunhas personaxes ilustres

12. Hai poucos anos
  
Hai poucos anos Chantada era unha pequena vila agrícola como tantas outras da Galicia interior. A súa economía baseábase no sector primario aínda que xa se comeza a albiscar certo progreso noutras ramas económicas. Segundo nos conta Lucas Labrada na súa “Descripción económica del Reino de Galicia” Chantada do século XVIII era unha excelente produtora de viño, castañas e herbas. Comenta que a principal industria era a relacionada coa lencería posto que anualmente se tecían 2.223 varas de lenzo, 1.041 de estopa e 582 de burel. Tempo despois, e xa en pleno século XX, óllase como Chantada mudou considerablemente. O proceso que sufriu Galicia cara un certa especialización e mercantilización do agro tamén se deixou notar en Chantada.

Larsa-Chantada nos anos 80
    O máximo expoñente do exposto témolo na industria láctea Larsa-Chantada. Xa nos anos trinta comezaron a asentarse nas terras de Chantada diversas desnatadoras (Escairón foi un foco receptor das mesmas) que daban boa fe do que acontecería no futuro. A empresa mencionada con anterioridade levou a cabo certas prácticas, cómpre lembrar que mercaba o leite para a súa transformación, que beneficiaron sen ningún xénero de dúbidas ó campesiñado da comarca pois era este colectivo quen vendía o leite. Co tempo, este tipo de actuacións derivarían, nalgúns casos, cara unha especialización produtiva.
Nos anos corenta destacaban na nosa vila dúas fábricas propiedades de Edelmiro Rumbao e Antonio Boo Meijide. Tempo despois, o sector da produción de carne e derivados modernizouse instalándose complexos agroindustriais e reconvertendo a cabana gandeira porcina. Neste ramo Chantada era a quinta poboación de toda a provincia só superada polos núcleos de Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba e Sarria. Na vila do Asma destacaba a empresa Varzey S.A.
  voltar ó índice
ampliar
ampliar [+]
Construcción do encoro de Belesar
Encoro de Belesar
ampliar
ampliar [+]
Rampa das comportas
    Outro elemento clave para entender a Chantada moderna veu dado pola construción do encoro de Belesar. Aínda que os efectos que este causou non foron sempre positivos, cómpre non esquecer o feito de que moitos terreos produtivos foron asolagados amais de que moita xente tivo que emigrar cara outros lugares guiados por unha imposibilidade económica, os beneficios aportados pola mesma tamén se deixaron notar na comarca. A construción do encoro supuxo unha etapa dun maior dinamismo económico; en dita labor xerouse un gran número de postos de traballo sendo algúns deles para xente foránea que remataría asentándose na nosa comarca. Este feito leva consigo toda unha serie de mecanismos que desembocarían nunha dinamización da vila e do entorno rural. Non é menos certo o feito de que Chantada, a partires da construción desta gran obra de enxeñaría, se converteu nun importante núcleo xerador de enerxía hidroeléctrica.
   



  Na Chantada dos anos sesenta e setenta prodúcese un fenómeno extensible ó conxunto de Galicia: a emigración. Serán moitas as xentes, especialmente a xuventude chantadina, que decidan probar fortuna fora do noso país intentando atopar unha prosperidade que ven moi difícil na terra natal. Barcelona, Madrid, País Vasco, Suíza, Alemaña, etc., serán algúns dos núcleos receptores deste inxente capital humano. O mesmo comezará a mandar diversas remesas económicas ós seus familiares galegos, feito que repercutirá dun xeito notable no nivel de vida dos mesmos. Pero a influencia destes emigrantes estenderase moito no tempo; a expansión urbana que a vila sofre na década dos oitenta e noventa do século pasado ben producida, en gran medida, polo desexo de moitos retornados de rematar a súa vida no seu concello natal. Este proceso aínda é apreciable na actualidade.Pero para ollar de preto o como era a Chantada dos anos setenta citemos diversos fragmentos dun documento redactado no ano 1972 pola Irmandade Sindical Local de Labradores e Gandeiros a propósito da posible creación dun mercado gandeiro en Chantada. Unha das partes do texto di así: “Es Chantada cabeza de partido judicial y Delegación Comarcal de Sindicatos. Amén de los que imparten los indicados Centros, es de resaltar la existencia de Oficina de Extensión Agraria, de 4 farmacias, 5 médicos, 9 abogados, notario, registrador de la propiedad, 7 procuradores, 2 odontólogos, 2 practicantes, etc.”. O relatorio continúa do seguinte xeito: “En otro orden, cuenta la villa con un Colegio Nacional, Instituto de Enseñanza Media... Y en el orden comercial son de enumerar 25 almacenes y comercios de tejidos; una plaza de abastos con los correspondientes servicios y expresamente 10 tablajerías y dos pescaderías; 5 panaderías... 4 supermercados; 1 almacén de ultramarinos... cine, casino, fábrica de productos lácteos... etc., sin contar los establecimientos similares radicados en la zona rural”. Para rematar con todo este conglomerado de datos, expoñamos parte do contido que aparece no capitulo tres do informe citado con anterioridade: “Asciende a más de 11.000 el número de reses vacunas de las que 4.000 corresponden a la raza frisona y el resto a la rubia gallega. Es de resaltar, además, en este aspecto la proyección que comienza a tener el cooperativismo, del que es muestra la entidad nombrada “Chataca”, que aglutina a más de 90 socios, con una producción diaria superior a los 5.000 litros de leche... Existen, además, 8 conciertos para producción de carne que albergan 110 reses adultas y 755 terneros de ceba...”.


Cooperativa ICOS
    Pouco a pouco, e podemos poñer a Chantada como exemplo do que aconteceu en moitas vilas galegas, o sector primario irá perdendo importancia en favor do sector servizos. As pequenas explotacións gandeiras de unha ou dúas cabezas de gando, cuxa función se limitaba á mera supervivencia dos seus propietarios, desaparecerán das nosas terras dando paso a toda unha serie de explotacións agrícola-gandeiras cuxo obxectivo pasará a ser o competir nun mercado global intentando xerar o máximo de beneficios. Neste proceso o cooperativismo xogará un destacado papel intentando deixar entrever que a unión fai a forza. A cooperativa ICOS [ver+] , cuxa labor se pode apreciar na actualidade, é o máximo expoñente deste fenómeno na nosa comarca. Deste proceso saíu moi beneficiado o sector servizos cuxa actividade medrou en gran medida; as necesidades da xente dos nosos días mudou de xeito notorio e con elo tamén mudou o tecido económico e social da vila de Chantada.
  voltar ó índice
12.1. Sobre as pegadas do xornalismo chantadino
ampliar
Basilio Álvarez
    Xa foron relatadas en liñas anteriores diversas reflexións sobre as distintas experiencias que o xornalismo tivo no noso concello; pero esas non foron as únicas. A partires do ano 1916 comeza un pequena travesía do deserto para a prensa local. Este proceso puido ser debido en gran medida ó feito de que a información da nosa comarca estaba suficientemente tratada ou recollida en xornais de carácter provincial tales como “El Progreso” [ver+] (en Lugo) ou “La Zarpa” (editado en Ourense e cun afamado director, Basilio Álvarez).


  Pero Chantada aínda posuía unha conciencia periodística que foi plasmada coa saída á rúa no ano 1923 do semanario “El Regionalista”.Aínda que nun comezo a súa periodicidade foi semanal co tempo derivou cara unha publicación quincenal e no seu remate tivo un carácter mensual. Moitas foron as dificultades deste xornal, sobre todo económicas, cuxo derradeiro exemplar se editou o 1 de Xaneiro do ano 1924. Foi curta a súa andaina pero non por iso deixou de xogar un destacado papel na vida chantadina. A imprenta na que comeza a edición deste semanario tomaba por nome o de “La Voz de la Verdad” sita en Lugo capital. Este aspecto resultaría efémero xa que a partires do cuarto número a imprenta que daría vida á nosa publicación foi a de Gerardo Castro sita na rúa San Pedro, emprazada tamén na capital provincial.
  voltar ó índice
ver
José Costa Figueiras
 
ver
Conde de Romamones
    Segundo se nos mostra nas propias follas deste xornal chantadino, constituíuse unha sociedade anónima que era a que se responsabilizaba da edición desta publicación. O director da mesma non aparece recollido ata o número 37 no que aparece citado como tal o ilustre chantadino José Costa Figueiras [ver]. Os temas tratados en “El Regionalista” versaban sobre moitas materias. Un aspecto de moita relevancia veu representado polo importante tratamento que se lle deu ó sucesor en Madrid do ilustre deputado a Cortes don Leonardo Rodríguez, considerado todo un ídolo por este semanario. Gerardo Doval asumiría este importante reto pero sería actor de diversos feitos que nunca se perdoarían dende “El Regionalista”. Os mesmos exemplificáronse en dúas accións: nunha delas Doval saíu elixido deputado non por Chantada senón por Lugo; a segunda veu dada ó adscribirse esta personaxe ó partido de Romanones. O agrarismo foi outro dos temas con maior difusión. De clara inspiración basilista, este xornal promulgaba un agrarismo radical no verbo pero non tanto na acción. Dada a derrota deste movemento na contenda electoral a atención de “El Regionalista” virou cara o fenómeno migratorio en dirección ó continente americano. A chegada ó poder de Primo de Rivera, cuxa figura foi presentada como a de un redentor de España, ou o ideario rexionalista foron outros dos focos de atención desta publicación en cuxo interior aparecían recollidas diversas seccións cuxo tamaño variaba segundo o número publicado: anuncios, diversas noticias e informacións, notas locais, etc. A administración deste xornal estaba sita no pazo de Quinteliña que era residencia do pai do director, don Domingo Costa Clavell. O prezo deste semanario, que aparece recollido en cada un dos seus números, era de dúas pesetas por trimestree na vila ascendendo o custe a 2,50 pesetas fora da mesma. A partires do número 37 dita subscrición baixaría ata acadar unha peseta con cincuenta céntimos na vila; o número solto custaba 0,50 céntimos. Unha recompilación de tódolos números deste semanario atópase na actualidade na Biblioteca Municipal “Xohán de Requeixo” sita na Casa da Cultura de Chantada.


  Para rematar co tema do xornalismo na nosa vila cómpre que sexan citadas dúas publicacións que serán as que poñan fin as experiencias xornalísticas en Chantada. Citar nun primeiro lugar a “La Voz del Agro” cuxo primeiro número sae á rúa o dez de Outubro do ano 1928 aínda que ben é certo, que coñecera ó longo da súa andaina diversas etapas.
  voltar ó índice
ampliar
Jesús Fernández Taboada
  Nacerá ó abeiro do seu propietario e fundador Jesús Fernández Taboada e terá como principal achega á vida chantadina o feito de promulgar e defender a modernización técnica da agricultura galega. Este feito viría dado por un proceso de cooperativismo que sería paralelo a un fenómeno de introdución de maquinaria e de procedementos científicos nas prácticas agrícolas. A posición política defendida dende esta publicación xira entorno criterios conservadores; as colaboracións que se producen no mesmo son de gran interese e de entre as mesmas pódense destacar as de Antonio Estévez Cao, “Pepe Brigos” ou “Xan de Quintela”. Segundo se sabe a duración deste xornal foi de aproximadamente catro anos; as dependencias do mesmo estaban sitas na praciña de Oriente número sete. A subscrición na vila ascendía a unha peseta con cincuenta céntimos por trimestre. En provincias ascendía as dúas pesetas.



  A segunda das publicacións tomou por nome o de “Juventud”. Semanario xurdido no ano 1931 tivo por director a Pablo Noguerol Sierra e autodenominábase como “órgano de la juventud republicana de Chantada”. Unha das achegas máis notables deste xornal foi o feito de que no mesmo colaboraron novas xentes que co tempo pasarían a ser destacados pensadores ou literatos. Exemplo do exposto témolo en personaxes como García Cereijo, Ángel Gómez Montero ou Roet. A imprenta encargada de elaborar “Juventud” foi “Galicia”, sita en Ourense capital. O prezo de suscripción era idéntica ó do seu tocaio temporal, “La Voz del Agro”. A administración do xornal atopábase na Praza da República número vinte.

  Artigos relacionados
 
     :. Basilio Álvarez
       
Xunta de Galicia. Historia
     :. Romanones
       
www.artehistoria.com (español)
     :. El Progreso
       
www.elprogreso.es
     :. ICOS
       
Cooperativa Agrícola



web desenrolada por novodesenho créditos