mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
Facebook Concello Facebook Turismo
Twitter Instagram
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografías
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
suxestións
 
Sixpac
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
    6.1. Santiago de Requeixo
    6.2. San Cristobo de Fornas
    6.3. San Paio de Muradelle
    6.4. San Salvador de Brigos
    6.5. Santa María de Camporramiro
    6.6. Santa María de Nogueira
    6.7. San Miguel do Monte
    6.8. Santa María de Bermún
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

ampliar
Igrexa de Camporramiro
6.5. Santa María de Camporramiro
Edificación sita na freguesía do mesmo nome posúe unha ampla e controvertida historia. Numerosos documentos históricos nos falan da mesma e case todos sustentan que esta igrexa aparece irremediablemente ligada a un feito histórico, amplamente comentado en apartados anteriores: a vitoria do rei Ramiro I sobre os normandos aló polo século IX; en honra a el construiríase esta igrexa. Por poñer un exemplo citemos o Inventario do autor Nicanor Rielo Carballo quen referíndose á igrexa parroquial de Camporramiro di: “Es tradición común en esta comarca que junto al templo parroquial se dio una batalla contra los normandos, que ganó el rey Ramiro I, quedando constancia del vencedor en el nombre de la feligresía”. Sen embrago e, como xa dixen con anterioridade, non existe ningunha evidencia histórica que referende tal afirmación polo que parece máis prudente o deixar tal feito circunscrito nas lendas e tradicións da comarca.

ampliar
Porta lateral da igrexa
    Sábese que no lugar existiu un primitivo asentamento humano (Castro de Cabreiros), e tamén se comenta a posibilidade de que aquí se sitúase a residencia dos monxes do mosteiro dúplice de San Salvador de Asma; as monxas morarían no mesmo. Constatable con certeza é o feito de que no ano 1208 Alfonso IX doa ó Mosteiro de Chantada a herdade de Santa María de Camporramiro mediante un diploma outorgado en Santiago de Compostela. Tamén se coñece que no ano 1341 o Bispo de Lugo (don Rodrigo) xunto co Deán e Cabildo da súa igrexa, concedían ó abade de San Salvador de Asma “todos los diezmos, rentas, frutos y directuras pertenecientes entonces y en lo futuro a las iglesias de San Esteban de Chantada y Santa María de Campo Ramiro”.

ampliar
Canzorro historiado
    En canto á igrexa propiamente dita, expor que parece erguida na primeira metade do século XII exceptuando a sancristía que data do século XVIII e o campanario; este último moi posterior e bastante recente. A nave móstrasenos con teitume de madeira a dúas augas oculta por unha falsa bóveda e a ábsida presenta bóveda de canón cun arco triunfal de breve peralte. No seu exterior aprécianse diversos canzorros historiados e xeométricos, facendo alusión algún dos mesmos a temas cotiáns en ton metafórico: a fame, a sede, a fartura, etc. Destaca no interior un incensario de metal do século XVI amais dun Cristo sito no retablo do século XVIII. No atrio da edificación sitúase o cemiterio parroquial no que se descubriron unhas sepulturas antropoides escavadas que algúns identificaron coas tumbas dos caídos na batalla de Campo Ramiro.
voltar ó índice
6.6. Santa María de Nogueira
ampliar
Igrexa de Sta. Mª de Nogueira
  O pequeno lugar de A Eirexe, enclavado na parroquia de Nogueira, acolle unha curiosa e interesante igrexa que agocha no seu seo pequenos tesouros artísticos. Erguida na segunda metade do século XII, pertenceu a antiga xurisdición de Chantada e o beneficio eclesiástico presentáballo en tres turnos ó priorado de San Salvador de Asma, ó marquesado de Bendaña e ó vínculo da Casa de Penachá; o
Emblema da Orde de Alcántara
señorío civil pertencíalle a marquesa de Astorga. A edificación aparece mencionada nun documento datado o 22 de Xullo do ano 1385. No mesmo, outórgase unha escritura de foro por parte de Núñez Pérez de Campo a favor de dona Elvira Álvarez Osorio, muller de Roy Gómez de Neira, na que se comprenden tódolos aparellos, herdanzas, casas, soutos e viñas que a Orde de Alcántara posuía na parroquia de Santa María de Nogueira. Este beneficio estendíase a ambos consortes e a un dos seus fillos ou persoa nomeada expresamente. Tamén sabemos que o rei Xoán I actuou sobre Nogueira; este monarca obrigou ó señor da poboa de Chantada a facer abandono do coto de Nogueira, dereito que lle fora usurpado ós monxes beneditinos. Tamén existen referencias desta edificación nun pergamiño do século XIV que se conserva no Arquivo Histórico Nacional.

ver
Xoán I
    Na actualidade sábese que no primeiro terzo do século XVIII se reformou a fachada principal (na actualidade con características barrocas pero conservando o rosetón do románico tardío) e que neste preciso momento tamén se construíu a torre que alberga ás campás. Esta obra románica posúe unha soa nave con cuberta de madeira a dúas augas. Destaca na mesma a porta do alzado sur enmarcada por un arco de medio punto rico na súa profusión ornamental e con columnas apoiadas nunha soa orde que posúen capiteis de fitaría. No muro sur pódense ollar signos lapidarios de sete tipos diversos; son bastante curiosas as lápidas incrustadas nas paredes da igrexa. A ábsida cuadrangular con bóveda de canón aparece precedida dun arco triunfal de medio punto con columnas apoiadas nun só estilo e capiteis variados. O interior desta igrexa parroquial alberga diversas pinturas murais que están sitas nos parámetros interiores da nave. A pesar do seu deterioro sábese que fan alusión a diversos temas como son o Xuízo Final ou a Resurrección de Xesús. Máis ó interior, na ábsida, atópanse outras pinturas murais que aparecen ocultas ó visitante por estar cubertas dunha espesa capa de cal; as mesmas mostran escenas referentes á Oración no Horto de Getsemaní e o Apresamento de Xesús. Estímase que estas representacións foron feitas a fins do século XV ou a comezos do seguinte.
ampliar
Nosa Señora do Rosario
ampliar
San Xoán Bautista
        En Santa María de Nogueira tamén podemos ver algúns retablos de gran interese que albergan diversas esculturas entre as que se poden salientar as de Nosa Señora do Rosario e San Xoán Bautista pertencentes ó século XVII. A sancristía acolle dentro de si numerosos obxectos referentes á liturxia dos que destaca unha cruz de prata con alma de madeira que data de finais do século XVI ou comezos do XVII. Temos constancia de que sufriu numerosos arranxos aínda que non por isto deixa de gozar de relevancia artística. Na mesma sancristía podemos admirar unhas aceiteiras do s. XVII amais dun incensario de finais do mesmo século. Cálices, caixoneiras, custodias e querubíns son outros dos obxectos recollidos neste habitáculo de Santa María de Nogueira










  Artigos relacionados
 
     :. Ramiro I (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Juan I (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Orden de Alcántara
       
www.blasoneshispanos.com (español)
   
web desenrolada por novodesenho créditos